Cementerio de Colón - La Habana ( Foto Guije) |
A Unión Barcalesa da Habana celebrou o pasado día 8 o Día da Nai, cunha ofrenda no panteón da Sociedade a todas as nais barcalesas que non poideron voltar e descansan alí, no mausoleo que a Sociedade ten no Cemiterio de Colón. A Xunta Directiva e socios depositaron a ofrenda floral como cada ano.
Repousan no panteón da Barcalesa 180 asociados e familiares que a miudo reciben a visita dos seus , de aquí e de alá. Son os que optaron por quedarse ou non tiveron a sorte de reunirse de novo en Barcala coa súa xente. Alí seguen a ter o recordo e o agarimo dos familiares e amigos.
Un paseo por esta necrópole habanera amósanos panteóns e nomes de concellos, comarcas e parroquias de todos os lugares de Galicia. Aproximadamente uns sesenta mausoleos: Sociedade de Ortigueira,Sociedade de Beneficencia, Naturales de Galicia...contribúen coa súa maxestuosidade a darlle relevancia a este cemiterio, o máis fermoso e importante da Habana que está declarado Monumento Nacional.
Foi o arquitecto ferrolá Calixto Loira Cardoso o autor do mesmo en 1871 e o nome de Cristóbal Colón débese a que estaba previsto que alí repousaran os restos do descubridor que se atopaban na Catedral da Habana, aínda que logo foron trasladados á catedral de Sevilla en 1898.
Presidente e Vicepresidente da U.B. |
Nun principio decidiuse erguerlle un monumento por suscripción popular, según conta Xosé Neira Vilas, a proposta do gobernador colonial da Illa o marqués de Pezuela, pero a gran mortandade causada polo cólera naqueles anos derivou a iniciativa cara o cemiterio " xa que no vello non cabía tanto morto".
Cando algún barcalés se achega á Habana e visita aos directivos da Unión Barcalesa, o Panteón no Cemiterio de Colón é visita obrigada. Os actos máis importantes da Sociedade contan sempre cunha ofrenda aos asociados desaparecidos e esta homenaxe ás nais, que o é tamén a todas as mulleres emigradas da nosa comarca, ven sendo tradicional na Habana dende hai moitos anos.