martes, 19 de abril de 2011

GALEGOS

Ruth Matilda Anderson-Feira-Porco no carro-Betanzos 1926


      Hoxe no mostrador da librería había unha morea de libros de Paul Preston. Cando lía a contraportada dun deles, Manola, unha das persoas que  amablemente atende  aos que alí imos, díxome que en España a Historia sempre a tiñan que contar os de fóra. É verdade, que seríamos sen a memoria que nos  trasmiten Malraux, Heminway, Hugh Thomas ou o mesmo Preston, pois simplemente  persoas cun pasado que, salvo excepcións,  nos venden permanentemente os que se aproveitaron del.

      Estes intelectuais e investigadores  pertencen a outras linguas e outras culturas e gracias ao seu traballo podemos reconstruir dun xeito claro o noso historial colectivo.

      A Historia dos galegos é  dura e correosa, difícil de agradar ós  sensibles  padais, por iso os nosos intelectuais nola presentan a miudo envolta en poesía, humor ou mesmo musicada

Foto Ruth Matilda Anderson
      
Ruth Matilda Anderson foi unha desas persoas ás que debemos unha imaxe nidia do noso pasado. Entre 1924 e 1926 viaxou por Galicia facendo fotografías de gran calidade para a Hispanic Society of América de Nueva York, que xunto cunha ampla documentación recollida, conseguiu plasmar unha imaxe moi realista da sociedade galega desa época: O mar e o campo, as vilas e as cidades, os nenos e os adultos…As fotografías desta viaxe expóñense na Sede da Fundación Caixa Galicia, en Santiago, ata a primeira semana de xuño.

   
  A mostra ofrécenos a posibilidade de viaxar a un pasado non tan lonxano e coñecer a vida cotiá das nosas xentes que ollada  dende a  modernidade non nos é tan allea como pensamos.