Foto: López Tuñas |
Os recordos compartidos
son un elemento vivencial aos que o río da vida dalles un aire
nostálxico que nos conmove. Onte
camiñaba de vagariño pola beira do río e pareime na Balsa de Refoxos, a nosa,
onde de novos disfrutábamos do sol do verán e convivíamos
apaciblemente. Nese tramo fluvial había tres muros que atravesaban
o cauce embalsando a auga para desviala polas canles dos muíños
que logo facían mover os rodicios: O de Garrido, que se
conserva intacto e podemos admirar pola súa fermosa cascada; o de
Vilachán e o de
Refoxos, xa parcialmente esbarroncado, que tamén desviaba a auga para outro que había na
marxe dereita do cauce e que está en ruinas. Os tres levaban o nome
dos respectivos muíños.
Naquel
lugar apacible de auga embalsada aprendemos a nadar e a convivir por
nós mesmos, ollando como facían os mellores e pelexar contra a
auga, tragando a que fose preciso, ata que, pouco a pouco, te
mantiñas a flote entre os berros de ánimo dos amigos. Que pracer
bucear nas augas xélidas ante o silenzo das troitas, paradas
sobre os seixos e as areas do fondo, que ollaban con pasmo aos
intrusos que ousaban entrar no seu mundo! Malia os centos de rapaces
que durante xeracións aprenderon a nadar naquelas augas, non se
recorda percance algún, pois a prudencia era o acordo implícito da
confianza dos pais, que acompañaban a nosa autonomía dende lonxe. Logo os máis atrevidos pasaron a facelo no Tambre.
Pero
foi coa chegada da modernidade e o nomeamento dun alcalde, Antonio
García Abeijón, cando no seu mandato foi construida a Piscina Municipal no que era Coto Escolar. A instalación estaba dotada incluso de
trampolíns dende onde os máis arriscados lucían a súa valentía
mergullándose de cabezas ou do que cadrase. A partires daquela a Balsa
de Refoxos foi quedando pouco a pouco no esquecemento, vivindo na
memoria dos menos novos.
Daquela
liberdade de xogos da que gozabamos os rapaces pasouse a unha
sobreprotección física e psicolóxica que chegou até o alfombrado
do chan nalgúns lugares para que os meniños non se magoen
cando caen e sempre coas nais e os pais pegados a eles, por se os
precisan defender do empurrón doutro. O mesmo acontece coa sinrazón
de darlles sempre por bo todo o que fan, non contradecilos ou dificultarlle a relación cos compañeiros.
A
integración dos nenos na escola é o primeiro paso para aprender a
convivir en sociedade e transformarse en adultos que saiban vivir en
libertade, para empezar a socializarse e entender que os dereitos das
persoas acaban onde comenzan os dos demáis. Os alumnos non se
escolarizan só para instruirse nas materias curriculares, pois os
centros educativos, como o seu nome indica, teñen tamén outra
importante función que é a de educar a través da convivencia e da
adquisición de coñecementos.
Agora
o río é un lugar de paseo, esparcimento e de evocación de
recordos das historias xuveniles na Balsa de Refoxos. Tamén a posibilidade de disfrutar da frondosa contorna pola que discorre o paseo
fluvial.
No hay comentarios:
Publicar un comentario