Suso Vaamonde coas alumnas do C.P. de Santa Comba |
Dende o ano 1963,
coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares Galegos de
Rosalía Castro, cada 17 de maio celébrase o Día das Letras
Galegas. É a festa da Lingua e da Cultura que este ano está
adicada ao escritor Carlos Casares.
O 17 de maio de 1978
os membros da Asociación Cultural Afonso Eáns celebramos en
Negreira a entrega de premios do Concurso de Contos en galego, no
Cine Gran Vía. Participaban alumnos e profesores dos
colexios públicos da contorna, co patrocinio da Obra Cultural de
Caixa Galicia.
Daquela, o galego non
formaba parte do Ensino pero no Coléxio Público de Santa Comba
xa se puxera en marcha un programa escolar na lingua nai
que presentamos, xunto co mestre Xabier Garrote, á Inspeccción
Técnica de Educación e que, logo da súa aprobación foi apoiado
polo Director do centro e os demáis mestres compañeiros. O galego
era a língua materna e nela empezaron a ser escolarizados dous
grupos de rapaces. Cunha programación innovadora que incluía entre
outras disciplinas a Música (Javier foi o fundador da Escola de
Gaitas de Ortigueira e do Festival do Mundo Celta) e a Educación
Sexual con todo o material didáctico elaborado por nós. Unha
experiencia moi enriquecedora para todos.
Aquel ano acudimos ó
festival de Negreira en varios autocares para presenciar a actuación
do cantante Suso Vaamonde. As nosas alumnas subiron ao escenario
acómpañándoo nas súas cancións, mentres os que estaban entre o
público facían coro, porque as sabían todas, todiñas...: dende
“Galicia docemente está ollando ao mar “ ata O Cuco ,
pasando polas que tiñan as letras de Rosalía, Curros ou Añón. Na
clase de Música aprendían a entoar con elas. Anos despois nunha
viaxe en avión dende Madrid coincidín no asento á beira de Suso
Vaamonde, quen me lembraba con moito agarimo aquela actuación e a
sorpresa de que os nenos souberan as súas cancións.
Na fotografía están
cantando na compaña da Secretaria da A. Cultural, Maria
Rosa Silva, e entre o público centos de rapaces coas bandeiriñas
galegas feitas de papel.
Hoxe aqueles nenos e
nenas xa teñen fillos e algunhas netos, pero estou seguro que
aínda se lembran con agarimo daquel fermoso Día das Letras Galegas
no que tanto disfrutamos.
Cine Gran Vía- NEGREIRA. 17 de maio de 1978 |
No hay comentarios:
Publicar un comentario