O título corresponde a
unha exitosa serie da TVE emitida dende 1966 a 1968 e dirixida por
Narciso Ibáñez Serrador, pertencente ao xénero de terror e contou
con capítulos tan suxerentes como La pesadilla, La zarpa, La
alarma ou El Vidente. Tivo logo unha continuidade noutra serie
titulada “Historias para pensar”, conxunto
de relatos, desta volta máis profundos e intelectuais, que
tamén acadou un gran éxito de audiencia.
Hai catro anos paroume na
rúa un funcionario municipal para preguntarme se lembraba de cando
foran doadas ao concello as escolas construídas pola Unión
Barcalesa da Habana, pois precisaban saber a data exacta. A miña
contestación foi pronta e escueta: Mira no Libro de
Actas do ano 1993, alí está. Respostoume que non
era posible porque o Libro que contén as actas das sesións
plenarias dende finais do 1989 ata maio do 1995 roubárano e
xa a Secretaria puxera a correspondente denuncia no Xulgado. Eses
libros, resposteille, estiveron sempre nun armario pechado da
Secretaría, pero non hai problema, cando deixei o cargo no Concello
pedinlle ao Secretario si me podía dar unha copia das actas da
Comisión de Goberno e do Pleno dos doce anos na Alcaldía e
entregaoumas en catro archivadores. Ao chegar á casa, consúltoas.
A miña sorpresa foi
maior cando cheguei á casa para consultar o arquivador coas actas
correspondentes a esas datas e non estaban. E non se trataba dun
simple cambio de lugar, dos catro arquivadores, só quedaban tres, o
cuarto- cos acordos plenarios- desaparecera. Ata hoxe.
HISTORIAS PARA PENSAR
Hai uns días chamáronme
das oficinas municipais porque aparecera nunha carpeta, dentro dun
armario, unha serie de actas plenarias sen encadernar, en follas
correspondentes aos anos en cuestión (1989-1995), para proceder á
súa sinatura. Achegueime ata a casa do Concello na compaña do que
fóra primeiro tenente de alcalde nesa altura e, efectivamente, alí
habia un lote de actas, en follas soltas numeradas e sen sinatura
que, lixeiramente, revisamos.
Na entrevista coa señora
Secretaria pedímoslle que solicitara copia deses documentos á
Subdelegación do Goberno ou á Consellería de Presidencia, a onde
se remitían puntualmente logo de cada sesión, debidamente asinadas
polo Secretario e o Alcalde, coa finalidade de repoñer o Libro e
tamén cotexalas coas aparecidas na citada carpeta, pois nunha
primeira revisión aparecía o acordo da Contratación dan Normas de
Planeamento Urbanístico parcialmente tachado. E aínda que ela o
descoñecía, a falsificación de acordos non era unha novidade:
O 27 de marzo de 1985 o
Pleno da Corporación no punto 5º da Orde do Día, por unanimidade,
e despois do informe da Comisión Investigadora formada por
representantes dos grupos políticos acordou exercitar toda clase de
accións legais pola falsidade dun acordo plenario que recollía un
pequeno párrafo engadido e nun punto alleo a ese asunto, polo que se
procedía á venda de tres vivendas de titularidade municipal,
párrafo que non figuraba no borrador asinado polos concelleiros e sí
no Libro de Actas. Tamén se procediu á lectura do informe da
comparecencia dos membros da corporación anterior que manifestaron
non ter tomado dito acordo. Pasados cinco anos, o Xulgado, que non
fixera ningún trámite nin tomara decisión algunha, comunicou que o
asunto quedaba prescrito e as vivendas deixaron de ser de
titularidade municipal.
Quedamos á espera a ver
que novidades nos depara esta nova historia se é que as actas
orixinais chegan ao concello e poden ser cotexadas coas apócrifas,
de recente aparición.
No hay comentarios:
Publicar un comentario