jueves, 24 de octubre de 2019

A MEMORIA DA OLIVEIRA




Á noitiña, logo de aparcar o coche, entrei camiñando de vagar pola Porta da Pena cara o casco vello de Compostela. Pasando a Praza de Cervantes cara a de San Miguel dos Agros topeime cunha oliveira prantada no medio da rúa estreita. Sorprendeume ver esta árbore na cidade monumental pero de contado reparei no nome.

A Rúa de Xerusalén, unha das menos transitadas polos turistas, é a antiga Xudería de Santiago, a residencia desta pequena comunidade relixiosa moito menor, dende logo, que a doutras cidades galegas como Ribadavia, A Coruña ou Ourense. Situada perto do Mosteiro de San Martín Pinario, que foi un dos centros de poder relixioso da Cidade, e da Praza da Azabachería.

Durante a Idade Media os barrios xudeos, tanto nos territorios cristiáns como en Al Ándalus, vivían segregados do resto da poboación e nalgúns lugares separados por murallas e portas que se pechabn pola noite. No ano 1492, os Reis Católicos decretaron a súa expulsión de España.

Hoxe o silenzo e a tranquilidade impoñen o seu poder no ambiente desta pequena rúa de Compostela presidida pola vella oliveira en memoria dos seus antiguos moradores, polo que non puden vencer a tentación de sacar o móvil e tirarlle esta fotografía.




No hay comentarios:

Publicar un comentario