lunes, 7 de enero de 2019

O SANTO DOS CROQUES


Cada ano, polo mes de xuño, os rapaces das vilas que estudabamos o Bacharelato iamos ao Instituo Arzobispo Xelmírez, na Praza de Mazarelos, para someternos ao exame de cada unha das materias que cursabamos. Os medos e os nervos que se ían sucedendo, segundo aprobábamos as probas escritas para pasar ao exame oral ante os distintos tribunais, eran endulzados polas sabedoras fresas que mercabamos na Frutería Fandiño, en Cardenal Payá, e as agradables conversas ao pé do monumento a Montero Ríos, mentres agardábamos por Lucas, o bedel que nos conducía as distintas aulas do vello edificio.

Unha tarde, despois de xantar, o profesor que nos acompañaba levounos á Catedral para ensinarnos o Pórtico da Gloria, onde admiramos as fermosas esculturas en pedra, e ante a estatua orante que miraba cara o altar maior,  fomos batendo a nosa frente contra os rulos da cabeza para que nos transmitira a sabedoría do Mestre Mateo a quen representaba, mentres escoitabamos a explicación de Don José sobre a vella tradición do Santo dos Croques. Daquela toda axuda era pouca para superar os exames.


                         Santiago de Compostela- 1211        (1)

A CHEGADA DE MATEO


No ano 1168 Santiago de Compostela era un burgo con gran actividade, moitos peregrinos acudían dende diversos  lugares de Europa e as rúas e prazas estaban ocupadas polos gremios que lles daban nome: prateiros, azibacheiros, caldereiros, cuncheiros ..e ata os cambistas que facían negocio coa moeda. Dende os tempos de Diego Xelmírez a cidade aumentara e convertírase na máis importante de Galicia.

Pero aquel día de febreiro era especial, toda a cidade fervía de expectación ante a chegada da comitiva real, o son das campás das igrexas e mosteiros mesturábase coas pisadas dos cabalos diante da xente que se axeonllaba ao paso de Fernando II, Rei de León, rodeado da súa garda, nobres que o acompañaban, paxes, xuglares e carros que formaban parte da comitiva. Xa había uns anos que o rei non viña a Compostela malia que en Galicia nacera o seu pai Afonso VII, que se criara en Caldas baixo a tutela de D. Pedro Fróilaz, Conde de Traba.

Ao pé da basílica era recibido polo cabildo presidido polo Arzebispo Pedro Suárez de Deza. O rei sorprendíase de que as obras da nova Catedral que foran comezadas no 1075 e dirixidas polos mestres Bernardo O Vello e Roberto con 50 canteiros, aínda estivera sen rematar, pois a fachada Oeste non existía e parte da nave central aínda a sostiña vigas de madeira e tablóns. O Arzobispo xustificábase pola falta de diñeiro, os problemas políticos e o desnivel do terreo que deran lugar a que a obra se parara varias veces.

Concesión dunha pensión a Mateo por Fernando II  (2)
Fernando mandou sair da comitiva a Mateo, o seu Arquitecto de Palacio e diante de todos nomeouno responsable de acabar as obras do templo, construír unha cripta sobre a que iría a fachada e o pórtico, o coro de pedra para a nave central e rematar ás obras da mesma. Recibirás, dixo, unha pensión vitalicia de 100 maravedís de ouro ou 104 de prata a razón de 2 marcos semanales para dirixir e levar a cabo todos estes traballos.
O Mestre quedou a vivir en Compostela a onde trouxo a súa muller e os seus fillos Diego, Pedro e Juan.

O PÓRTICO DA GLORIA


                                                                A.Franco Taboada (3)

Mateo empezara de neno a traballar a pedra no obradoiro de seu pai, acadando o grado de Oficial e logo o de Mestre, alá nas terras de Borgoña. E non era raro, borgoñón era o avó do rei, Raimundo, Conde de Galicia e casado coa raiña Urraca, o irmán deste o papa Calixto II que tanto axudou a Xelmírez e varios priores dos mosteiros do reino. Co seu colaborador Pedro Peláez comezou os traballos da cripta sobre a que se asentaría a fachada, mentres debuxaba o que sería a obra máis importante do Románico: O Pòrtico da Trinidade, chamado así ata o século XIX por estar frente á porta das murallas que levaba ese nome. Quería que fora un resumo da Biblia e Deus presidíndoo todo rodeado dos evanxelistas, anxos e un coro de 24 anciáns cos instrumentos da época: viola, salterio, arpa, zanfoña..., e co Apóstol Santiago recibindo báculo en man a todos os peregrinos que por alí entrasen. Un conxunto policromado que impactase ao visitante. Así foi pasando os debuxos ao Arzobispo que ía dando o seu placet.

O 1 de abril de 1188, colocou coa axuda de Pedro Peláez o dintel baixo o arco principal coa inscripción esculpida coa data de colocación, vinte anos despois de comezadas as obras e aos pouco máis de dous meses da morte do Rei Fernando, en Benavente, que foi enterrado no Panteón Real da Catedral de Santiago cumpríndose así a súa vontade.

Os traballos continuaron ata o 21 de abril de 1211 cando ao remate dos mesmos foi consagrada polo Arzobispo Pedro Muñiz, o rei Alfonso IX e nobles e clérigos de toda Galicia.

Hai uns meses visitamos a Catedral  cuns familiares, que por primeira vez viñeron de América a Compostela, pero non poidemos entrar polo Pórtico da Gloria porque estaba en proceso de restauración. Foi como se algo faltara, o lugar onde millóns de peregrinos ao longo de tantos séculos pousaban a man dando gracias ao Apostol por poder superar as dificultades do Camiño. Tamén o disfrute da beleza escultórica creada por uns dos artistas máis importante que a Idade Media nos dou.

A maxistral obra continuará perpetuando o recordo do extraordinario Mestre Mateo que un día do ano 1168 chegou a Compostela na compaña do Rei Fernando II.


Architectus Fecit

O SANTO DOS CROQUES

¿Estarán vivos? ¿Serán de pedra
aqués semblantes tan verdadeiros,
aquelas túnicas maravillosas,
aqueles ollos de vida cheos?
Vós que os fixeches de Dios ca axuda,
De inmortal nome Mestre Mateo,
xa que ahí quedaches humildemente
arrollidado, falaime deso.
Mais co eses vosos cabelos rizos,
santo dos croques, calás i eu rezo.

                                             ( Rosalía de Castro)



(1) -Recreación Virtual- Maestro Mateo en el Museo del Prado. Real Academia de Bellas Artes-Fundación Catedral de Santiago-Museo Nacional del Prado-Madrid 2017.
(2) Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela.
(3) Arturo Franco Taboada- Santiago de Compostela- Una Historia Dibujada. Deputación Provincial de A Coruña. 1987
- A vida e o tempo de Diego Xelmírez-R.A.Fletcher-Consorcio de Santiago-1984
-El maestro Mateo-Francisco López Iglesias-Consorcio de Santiago-2007
-Descripción Histórico-Artístico-Arqueológica de la Catedral de Santiago-José Villa-Amil y Castro.   Imprenta de Soto Freire-1886.








No hay comentarios:

Publicar un comentario