miércoles, 11 de mayo de 2016

PEPE ARDEIRO


OS AUSENTES







Cando aínda éramos nenos
e o calendario sinalaba as festas agardadas
no noso íntimo e limitado entorno,
erguíamos o ánimo na encantación dos días
e modificábanse tódalas vivencias.


Entón, íamos absorbendo no bulicio da tarde
fumes de tabaco loiro
-Chesterfield e outros nomes-
que ceibaban no calor de Xullo
indianos de brancos traxes de algodón
e garabatas repintadas.


Os zapatos novos, aromáticos,
previsibelmente grandes,
reflexaban no seu brillo inmaculado
o mesmo brillo de gozo que en nós estralaba.


Rosca, pan, bizcoito, símbolos de cada casa,
adoviados, aderezados, mergullaban nas mentes
e anunciaban con brillo de ledicia
breves días senlleiros de ansias alampadas.


E a noite caía tibia, coma un lume de estrelas,
sobre un ceo insolitamente alumiado
baixo a preliminar decoración da música
que enchía ás véas da alma de melodías
que en nós permanecerán, e xa por sempre.

                                                   Xosé Manuel López  Ardeiro
                                                                            





No hay comentarios:

Publicar un comentario