jueves, 22 de octubre de 2015

1909 – NUNCA TAL SE VIU.... !



       Peregrinación de Barcala  ( Foto Carmen González)

Son ás veces as cousas máis pequenas as que agochan o maior tesouro porque acubillan dentro delas recordos e sensacións, momentos inesquecibles que forman parte, xa para sempre, das nosas vivencias. Por iso  gardámolas coma se fosen unha regalía da que non queremos separarnos, para que eses recordos perduren como un agasallo .


Coa anela gastada polo rozamento da cadea, atopei nun caixón unha medalla conmemorativa do Ano Santo Compostelano de 1909, lembro que sempre a levou como reliquía a miña tía avoa Florentina. Ese Ano Santo, ademáis do primeiro do século XX, a anterior celebración fora en 1897, tiña unha significación especial pois o cardeal arcebispo de Santiago de Compostela, Martín Herrera, promove as primeiras peregrinación organizadas e tamén un monarca español, Alfonso XIII, presenta a ofrenda ao Apóstolo Santiago. É o comezo do repunte  xacobeo.

O Arciprestazgo de Barcala, como tantos outros, comeza as mobilizacións parroquiais e despraza a Compostela en longa camiñata centos de crentes que cos seus estandartes entran pola Porta da Mahía, presenciando por primeira vez na súa vida a magnificencia de Compostela, camiño da Praza do Obradoiro entre as fortes badaladas das campás da catedral. Logo, antes de entrar no templo santo, o retrato que inmortalizará ese intre solemne do xubileo. Non se pode discribir a sensación que debía provocar nas nosas xentes a entrada na Catedral entre a música do órgano e a maxestuosidade do templo, pero de seguro que se sentiron transportados a un mundo de ilusión.




Ao rematar, a visita ao maior acontecemento da época, a Grande Exposición Rexional Galega inaugurada polo Rei o 24 de xullo no Pavillón Central, acompañado do presidente do goberno Antonio Maura, o político galego Eugenio Montero Ríos e outras autoridades: Trinta mil metros cadrados  na Alameda de Santiago onde hoxe queda en pé o fermoso edificio modernista adicado agora a escola infantil, obra do arquitecto galego Antonio Palacios. A visita ao Pavillón de Industrias, o do Centro Galego da Habana, que causou unha gran admiración, querendo reproducir o que se está a facer na capital cubana coa aportación dos nosos emigrantes, o do Ministerio de Fomento, o de Recreo Artístico e Industrial ou o Pavillón de Eléctricas Galegas.

Durante anos non houbo outra conversa en toda a comarca, foron acontecementos extraordinarios, algo que nunca  se vira.


Pavillón do Recreo Artístico e Industrial de Antonio Palacios


Escalinata de acceso á Alameda



O escalatorres Puertollano no alto da Berenguela



BIBLIOGRAFÍA : Santiago 1909- Henrique Alvarellos-Xunta de Galicia






1 comentario:

  1. Grazas pola referencia ao noso libro "Santiago, 1909". Interesente fotografía a da peregrinación barcalesa, que non coñeciamos. Saúdos cordiais, Quique Alvarellos.

    ResponderEliminar