martes, 30 de septiembre de 2014

AS IMAXES DE JOSÉ ALGUERO



                                                                              Foto: José Alguero


A fotografía forma parte das nosas vidas, non hai actividade familiar, social, política ou de ocio que non quede inmortalizada a través das cámaras dixitais integradas en diversos dispositivos móbiles. Outórgaselle un carácter documental porque é un procedemento fiel de reproducción da vida social e pode ser interpretada como fonte de información ou como obra de arte. A fotografía, segundo o fotógrafo mexicano Pedro Meyer, “non é unha linguaxe universal e os códigos dunha foto poderán descifrarse de maneira tan variada como distinto sexa o contexto cultural do observador.”(1)

Foi a comezos do século XX cando as cámaras fotográficas saíron dos estudos dos retratistas para percorrer as rúas das vilas e cidades e ser unha clara testemuña do que daquela eran e nelas sucedía, a través da mirada de algúns membros da burguesía que dispoñían de medios económicos e coñecementos técnicos para levar a cabo tan meritoria labor. Grazas ao noso exalcalde Jorge Tuñas Caamaño estase a recuperar un importante arquivo fotográfico do que foi ilustre Notario de Negreira José Alguero Penedo, cunha valiosa colección de fotografía da nosa Vila e os seus habitantes. 


                               Mulleres barcalesas         ( Foto J. Alguero)

Durante o primeiro terzo do pasado século a vida social de Negreira foi inmortalizada por tres destacados persoeiros: O notario José Alguero Penedo, o rexistrador da propiedade Aquilino Pintos de Castro e o farmacéutico Francisco Rubira Fariña. Algunhas das súas fotografías quedaron recollidas en importantes publicacións como VIDA GALLEGA, revista gráfica mensual editada na cidade de Vigo dende 1909 a 1938 ou en periódicos comarcais, publicacións bastante abondosas naquela época. A calidade artística e documental das fotografías son ben destacables, tendo en conta as dificultades técnicas e os coñecementos que se precisaban.

O periódico EL BARCALÉS, órgano da Liga Barcalesa, no seu número do 31 de xullo de 1911 recolle este comentario : “ ...La falta de medios en la localidad para esta clase de trabajos y aún en la ciudad de Santiago, donde el periodico se imprime, fue causa de que por extravío de las fotografías primeramente remitidas a La Coruña no apareciesen en el número anterior cual debían...”

J.Alguero sentado á dereita -Rúa do Carmen
D.José Alguero Penedo foi Notario na Vila de Negreira entre 1907 e 1922 onde casou con Josefa Caamaño Rodríguez. Home ilustrado e tamén afeccionado á música, á poesía e á escultura, pasou a residir en Betanzos, onde acadou unha importante relevancia social, segundo reflicten as publicacións da época con motivo do seu pasamento no ano 1956. Alguero Penedo, que foi membro da Real Academia Galega, conta cunha rúa nesa cidade.

O abondoso arquivo, con 50 documentos gráficos, agora recuperado a través de Alfredo Alguero, neto do persoeiro, amosa unha gran calidade técnica e constitúe un importante documento social e etnográfico sobre a vida barcalesa de comenzos do pasado século.



                                                         Rapazas                     (Foto de J. Alguero)




(1) Sebastiao Salgado/Outras Américas-Universidade de Santiago de Compostela-1992






martes, 23 de septiembre de 2014

.......E LOGO CHEGOU A EXB


E un mal día tallaron os soños infantís e comezaron a destruír todo un mundo de fábula: o refuxio na fermosa pradaría cuberta de carballos que eran o acubillo das nosas fantasías.

                                                 ( Foto: Galicia Máxica)
Primeiro o da beira do camiño, no que Joseíto quedou colgado pola man no burato do niño de peto ao non poder sacala cando ía  coller os oviños, logo os demáis: o máis alto de todos “El Águila del Caribe” onde no bico das pólas situábamos os vixías para avisar dos ataques dos piratas como nos contos de El Cachorro, despois os que acollían nas súas copas aos que lataban (“facer a gata “ decíamos daquela) para fuxir das labazadas que acompañaban as leccións do Catecismo e da táboa de multiplicar. E o de máis alá, no que agochado no alto estreei, unha tarde de Xoves Santo, a filarmónica que me trouxera meu pai e que, segundo me ameazou o frade, ía condearme para toda a eternidade. Un por un foron eliminando todos os da “Robleda” e diante da nosa tristura.

Logo foi a Canteira Grande, cuberta de xuncos, ramallos e pozas polo inverno, por onde trotaban os imaxinarios cabalos dos vaqueiros do Oeste; os camións foron recheando día tras día a gran fondeira ata facela desaparecer. Decían que alí ían construír uns colexios para acoller as escolas que estaban desperdigadas pola vila, case todas en locales de aluguer.

E para rematar, a presa, a Presa do Coto poboada de xuncos, libélulas, rás e cagudos, na que polo verán saíamos de pesca e onde decían os maiores que se podía, ás veces, cazar serpes. Foi coma se, de súpeto, quixeran arramplar coa nosa infancia.

Colexios de Negreira

De contado empezaron a erguerse os novos colexios que con sorna chamábamos do “Plan Viruta”, porque estaban feitos dunha mestura de cemento con viruta de madeira, unha modernidade que viña de Madrid pero que os máis ousados descubriron axiña que cun pau afiado podían facerse buracos nas paredes. Acabaron por impermeabilizalos con alcatrán para frear as pingueiras do inverno e reforzalos con vigas de ferro, grazas ás protestas do mestre D. Marcelino, que foi ameazado por meterse, disque, en algo que non lle competía. Máis adiante fóronse mellorando e remataron acollendo as novas escolas graduadas, nas que os alumnos estaban distribuídos por aulas segundo a idade, o que non acontecía nas anteriores, de nenos e nenas.

O certo é que foi un avance importante no caduco sistema educativo e tamén unha posibilidade de abrir unha nova zona de crecemento urbanístico, pois os donos do Pazo estaban dispostos a urbanizar todos os terreos entre o casco urbán e os novos colexios. Chamáronlle a Zona Nova e foi algo así como a chegada da modernidade. E cando lle fixeron a escalinata de acceso e colocaron o busto de D. Victoriano todos empezamos a ollalos de lonxe e a decir que quedaba ben.

Por eles pasaron xeracións de rapaces e rapazas, mestres e mestras que aínda viven no recordo.

Co paso dos anos foron derrubadas para construír o novo Colexio do Coto ao que xa se incorporaría todo o alumnado do termo municipal.

Era a chegada da EXB.



jueves, 11 de septiembre de 2014

AIRES DA MIÑA TERRA



Que fermosas melloras  fixeron na cidade de A Coruña ao monumento de MANUEL CURROS ENRÍQUEZ !! Toda unha homenaxe ao noso poeta e tamén a unha das obras máis senlleiras do escultor galego FRANCISCO ASOREY. Nos xardíns de Méndez Núñez, xunto cos de outras persoalidades de Galicia: Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Daniel R. Castelao, Manuel Murguía, Eduardo Pondal ou Valle Inclán.


                                   Monumento a Curros               ( Foto López Tuñas)

Foi inaugurado no ano 1934 polo presidente da República Niceto Alcalá Zamora coa asistencia, entre outras autoridades, do Presidente da Real Academia Galega, institución promotora, e contando coa axuda económica dos nosos emigrantes en Cuba e Arxentina. Todo de granito, é tamén unha loubanza ao mundo do traballo, labregos e mariñeiros, debidamente representados na escultura que está asentada sobre os monstruos combatidos polo poeta: o caciquismo, a usura e a inxustiza.

Recordo hai anos o abandono no que se mantivo este conxunto escultórico, que logo foi recuperado con sucesivos arranxos e agora luce como se merece. Honra á cidade lembrar aos persoeiros ilustres e manter viva a memoria de quen tanto loitou pola xustiza e a dignidade do seu pobo. Os restos de Curros Enríquez repousan na Coruña, traídos dende Cuba, onde finou. O seu cadaleito foi acompañado por máis de 40.000 persoas polas rúas da cidade ata o Cemiterio de San Amaro.


Ouh! meiga cibdá da Cruña,
cibdá da torre herculina,
de xeneracións recordo
máis fortes que as de hoxe en día,
cibdá que por sobre os mares
érgue-la cabeza altiva,
cal onte nas túas murallas
o brazo de María Pita :
¿Que tes nese teu recinto,
que tes pros que te visitan,
que conocerte non poden
sin que deixarte non sintan?

….........

M Curros Enríquez
( Aires da Miña Terra)