![]() |
Estación de Radioaficionado EA1DFM |
A
miña aficción pola comunicación empezou sendo un neno,
cando os Reis Magos me trouxeron un teléfono Walki-Talki, o aparello
contaba con dous micrófonos unidos por un longo fío bermello a
través do cal comprobei, xunto aos meus amigos, como as ondas
sonoras se transmitían ao longo do cordel e escoitabamos as nosas
conversas falando moi baixiño. Continuou mais adiante grazas a un vello amplificador dun equipo de altavoces que
tiña meu pai e con un pesado micrófono imaxinábame que contactaba
con barcos, avións e lugares lonxanos. A imaxinación dos nenos a
esas idades non ten barreiras.
Tempo despois, sendo un adulto, aquelo foise facendo
realidade cando soubemos que o Clube de Radioaficionados de
Compostela convocaba un cursiño nun bar do Milladoiro para todos
aqueles que quixesen integrarse nese colectivo. E alá fomos, Joaquín
Buergo e mais eu. Durante uns fins de semana explicáronnos en que
consistía ese sistema de comunicación, como se expandían as ondas
curtas da radio a través da reflexión ionosférica, en que
consistían os exames para poder operar coas
emisoras e, sobre todo, escoitar a través dos seus equipos como se
comunicaban con estacións de todo o mundo e aquel son tan agarimoso
que envolvía as voces que chegaban a través dos pequenos
transceptores.
Coa
obtención da licenza e o indicativo provisional de clase C, o primeiro transceptor, un sinxelo President coa
frecuencia de 29 Mhz, e a obriga de no plazo de dous anos efectuar 200
contactos debidamente xustificados coas tarxetas QSL. Aprobar o
examen de Telecomunicacións de Clase A para operador de emisoras de
radio de 5ª Categoría. Daquela o tempo de que dispoñía para
estudar era pouco e os contidos dabondo, electrónica,
radioelectricidade, lexislación, códigos de comunicación, pero
foinos ben, e pronto chegou o indicativo definitivo EA1DFM. O
Equipo de ondas decámetricas cos seus compoñentes, antena nova e adiante.
CQ-DX...CQ-DX
Comprobei,
por fin, a concordancia da teoría e a práctica, a relación de
bandas, frecuencias e propagación; días enteiros e fins de semanas
disfrutando daquela nova experiencia. Comprobando como cunha potencia
de 200 W podía contactar con estacións de todo o mundo, utilizando
o Código ICAO que permitía intercambiar datos en calquera
idioma; aprendendo a interpretar a información que a revista da URE
nos enviaba pois a cada hora do día e segundo o mes e o ano a
propagación das ondas curtas depende da actividade solar.
![]() |
QSL |
Dende
a Patagonia ata Laponia, dende Xapón a California, sempre loitando
por conseguir as mellores e mais distantes estacións que cada fin de
semana chegaban confirmadas ao apartado de correos con fermosas
tarxetas QSL que eu tamén enviaba á estación correspondente coa
foto do Pazo do Cotón e as condicións técnicas do contacto.
Así xurdiu a idea de crear Radio Negreira, a emisora municipal, unha das
primeiras de Galicia xunto coas de Oleiros, Fene e Corcubión. Longas explicacións no Pleno do Concello: que non era o
mesmo a Radioafición que a Radiodifusión, que con un pequeno
emisor de FM, dous platos xiradiscos, un magnetofón e dous
micrófonos podíase chegar ás radios dos veciños e informar cada xornada da actividade ordinaria e a vida veciñal. A axuda do
técnico da Radio Galega Modesto Pena Rey, foi fundamental para sacar adiante a pequena
instalación e logo unha subvención da Deputación para facer unha
estrada ao alto do Monte da Pena, colocar un repetidor e cubrir todo
o municipio. Hoxe é o medio de
comunicación máis importante da comarca barcalesa.
Os
contactos continuaron a centos, moitos días facíamos rodas entre
tres ou catro compañeiros e xa acudían estacións diversas a
pedirnos entrada e contactar con cadanseu. Todo sempre nun
ambiente de corrección e respeto pois as normas prohibían falar de
política e de futbol.
Pero
os medios técnicos foron evolucionando e as comunicacións tamén.
Chegou o ordenador e a impresora e houbo que deixar lugar e tempo. O
23 de decembro do 2001, ás 21,30 GMT foi o meu derradeiro contacto, na
frecuencia de 21,252 Mhz. coa estación W7ZB, operador
estadounidense Mark, que se atopaba na Illa de Santa María ao Leste
das Azores. Segundo o Libro de Rexistro cunhas condicións
ideais tanto de emisión como de recepción: O máximo, 5-9 !
Cada
vez que paso pola veciña localidade de Bertamiráns, miro sempre para o
teito do edificio da esquina da rotonda, onde aínda se conservan as
antenas do compañeiro de frecuencias Alfonso ( EA1BHL) e un mar de
recordos parece que me envolve, lembrando ese son tan agarimoso que
se desprendía do meu ICOM 757 e a tantos amigos cos que contactei
ao longo do mundo.
73-51
(Saúdos-
Apertas)
QRT
(Cambio e corto )
No hay comentarios:
Publicar un comentario