J.M.L.T. |
Os
milleiros de peregrinos que cada día pasan o Río Tambre pola Ponte
Maceira no camiño de Compostela a Fisterra, páranse para admirar un dos lugares máis fermosos de Galicia. Aquí conflúen os
elementos característicos da Galicia rural : O río, a ponte e os
muiños, os hórreos e os pombais, o pazo e a igrexa, envoltos nun
marco natural que sorprende aos visitantes. Onte, un señor que viña
en bicicleta dende Valencia preguntoume como se chamaba. Nós,
dende sempre, coñecémolo como A Ponte Vella porque é das máís
antigas que se conservan na comarca. Dicíame logo que lle apetecía
quedarse para sempre, mentres outros moitos non
paraban de tirar fotos e un grupo de mozos mergullábase nas augas do
río, logo dun longo camiñar.
CANDO AS PEDRAS FALAN
Muíño de Ponte Maceira |
Os escudos nobiliarios das fachadas dalgunhas vivendas lémbrannos o seu pasado
señorial e os muíños que se sitúan nas dúas marxes
do río a riqueza agrícola que se extraía das terras do seu
entorno. Nun deles apréciase a estrela de cinco puntas, símbolo do
Islam, a pedra procede do dintel dunha vivenda, unha pegada dos
musulmáns nesta comarca. Pouco se ten escrito sobre os mudéxares (os
que mantiveron as súas crenzas ata a conversión forzosa no século
XVI) en Galicia ou os conversos (mouriscos) ben é certo que a súa
estancia na nosa comunidade foi máis importante do que se pensa.
O
historiador Carlos González Paz (1) recolle datos da presenza en
territorio galaico dun importante grupo en tempos de Alfonso II
(791-842) así como documentos nos mosteiros de Celanova, Sobrado dos
Monxes, Oseira ou San Martiño Pinario de servos que
eran identificados con termos que indican unha clara orixe étnica ou
relixiosa: Mauro, Mouro, Nigro ou Mourelo, de onde proceden os
actuais nomes e apelidos. Ponte Maceira pertencía ao mosteiro
benedictino de Portor – Portus Odorii - hoxe igrexa parroquial,
que dependía de San Paio de Antealtares en Compostela.
A
estrela é similar á que aínda se conserva nunha vivenda do lugar
de Frieiro, Castriz, no veciño Concello de Santa Comba, outra proba
máis da comunidade musulmana nos concellos rurais onde, dende as
primeiras décadas do século VIII ata os últimos anos do século
XVI, eran case sempre campesiños dependentes.
Barcala e Ponte Maceira ( P. Macyras) son as únicas localidades da comarca que figuran no Mapa do Reino de Galicia elaborado en 1603 por F. Ojea para o Conde de Lemos e nunha
das reformas provinciais no século XIX foi concello, aínda que o acordo non se materializou, o
que nos confirma a importancia que sempre tivo este pequeno e
singular núcleo que repousa nas beiras do río Tambre.
(1)
Carlos A. González Paz . Sarracenos, Moros, Mudéjares en la Galicia
Medieval- I.E.G.
No hay comentarios:
Publicar un comentario