Foto López Tuñas (1) |
O
avó tivo que marchar á Guerra de África porque a familia non
xuntou os cartos da pasaxe ás Américas e no sorteo das quintas
tocoulle, xunto con outro veciño da aldea, formar parte daquela
tolería. Ferírono cando facía garda nun blocao e perdeu a
vista do ollo dereito, por iso alcumárono O Chosco.
Ese foi o nome que lle quedou ós restantes membros da familia.
Daquela era así, cada casa tiña o alcume ou o nome que a distinguía
das demais. Cando voltou abriu unha taberna onde se xuntaban cada
xornada os homes da aldea.
Agora
O Benito é quen a atende; abre pola mañá para que podan tomar a
parva, a copa de caña antes do traballo, e polas noites xúntanse a
parolar e beber o Ribeiro que saca das pipas de madeira e vai
repartindo nas cuncas según lle van pedindo. Xoan da Nucha, O
Xermán, Luis da Telleira e O Pego xogan ao dominó sentados na mesa
e os demais xuntos no mostrador parolan ata que devagariño van
marchando para as súas casas.
Chucho
da Revolta é un home calado e mal encarado que toca o bombardino na
Banda dos Neos. Sempre acaba nunha esquina onde fala co Benito.
-Alí
brincábamos pola Rúa Escobar os rapaces, era a nena máis espelida
da cidade, sempre rindo xuntos e eu de cando en vez traíalle algunha
lambetada da nosa tenda. Fomos facéndonos mozos e viámonos todos
os días. Aquela rapaza era coma a Virxe de Regla, alta, feitiña e
co sorriso nos beizos....
-Cala
dunha vez Chucho, cona, que xa estamos fartos de escoitarche decote
esa leria! decíalle O Andrés.
As cousas son como son e un non pode andar sempre remoendo coa mesma
historia. Tés a túa casa,a túa familia e unha boa facenda, aínda
non é dabondo? E respostaballe O Pego mentres batía a
ficha contra a mesa :
-
Non ves que é o viño? Cando leva catro ou cinco palomitas empeza
de novo co mesmo conto..!
Minutos
despois seguía coa voz máis queda: Todo se acabou cando o meu
pai nos viu no Paseo do Prado, non ía permitir que o seu
fillo casara cunha mulata. Sacou unha pasaxe e botoume para España.
Cando o barco saía polo canal cara O Morro apoiado na baranda vina
correr como unha tola polo Malecón berrando o meu nome. Xúroche
Benito que pouco lle faltou para botarme ao mar e voltar con ela. Foi
como se me estoupara o peito enchéndome todo o corpo de tristura.
Hai
anos que Os Choscos pecharon a taberna e arranxaron a casa. Agora é
o comedor onde Benito senta pra ver a televisión, ler o xornal que de
cando en vez trae o seu fillo do Cotón e parolar coas súas netas
cando chegan do colexio.
-Avó,
dille a pequena, e que foi de Chucho da Revolta, xa non vive
aquí...?
-
Morreu hai uns anos, neniña. Cando os fillos marcharon da casa foi
dúas veces a Cuba. Por Pepe do Ardeiro sóubose que andou
preguntando, pero ninguén lle deu razón dela. Na segunda viaxe
seica chegou ata a cidade de Holguín de onde viñeran os pais pero non a atopou. Pasou os últimos anos da súa vida sentado no banco da
porta, apoiado no bastón e co cigarro colgado dos beizos. Sempre a
ollada perdida polas rúas da Habana Vella, na percura da súa nenez.
(1) Museo do Pobo Galego
No hay comentarios:
Publicar un comentario