A
sede actual do Concello de Negreira foi trasladada ao edificio da
antiga cárcel na Rúa do Carmen no ano 1982 sendo Alcalde
José D. Vidal Martínez, cambio que non estivo ausente de polémica
polo enfrontamento cos demais rexidores do Partido Xudicial, durante
as negociacións para adquisición do edificio do que Negreira era
copropietario, propiciando que na visita que o presidente da Xunta de
Galicia, D. Gerardo Fernández Albor, se negara a ser recibido na
actual Casa Consistorial a petición dos outros catro Alcaldes polo
que tivo que facerse o acto oficial no Centro Municipal de
Bacharelato.(1)
Este
foi o decimoterceiro cambio que sufriu a Casa Consistorial ao longo
da súa Historia, tantos como membros ten a Corporación Municipal na
actualidade.
Os
actuais concellos son froito da Constitución de Cádiz do ano
1812, que nos artigos 309 e 310 (Título VI, Cap. I) recollen
que para o goberno interior dos pobos haberá axuntamentos
nos que non o teñan e que por si ou coa súa comarca cheguen ás mil
almas, pero nos dous anos
seguintes non poideron ser constituídos pola Guerra da Independencia
contra os invasores franceses.(2)
Tampouco
nos outros seis, pois ao regreso de Fernando VII de Francia,
onde fora retido por Napoleón, implantou o Absolutismo, suprimiu a
Constitución e volveu a restaurar os antiguos señoríos e o
Tribunal da Inquisición, así como outras medidas anteriores á
aprobación da Carta Magna.
-Coa
sublevación do Coronel Riego en Cabezas de San Juan (1920) o Rei é
obrigado a xurar a Constitución e durante o chamado Trienio Liberal, no ano
1821 créase o Concello de Barcala, formado polas parroquias actuais
de A Baña e Negreira. No 1836 dívídese, formando o de A
Baña e o de Aro. Situándose a capitalidade deste último na
referida parroquia onde permaneceu durante catro anos.(3)
O
avogado e escritor Xulián Magariños, nun artigo publicado no xornal
comarcal La Voz de Barcala en xaneiro de 1934 recolle todos
os traslados da Casa do Concello que se produciron a partir da
creación do Concello de Aro, que foron froito da convulsa situación
política de España nos séculos XIX e comenzos do XX e que se
reflectiron na localidade cos enfrontamentos entre os conservadores e
os liberales (4).
-O
20 de outubro de 1840 coa caída dos conservadores e a marcha
da Raíña Nai, accede o Xeneral Espartero á Rexencia, producíndose
tamén un cambio no Concello entrando a gobernar D. Roque Ferreiro
Hermida, administrador do Pazo do Cotón, propiedade do Conde de Hervias, e instalando as oficinas municipais no Pazo.
-A
sede municipal na Vila durou só un ano pois en novembro do 1841
trasladouse de novo a Corporación a Aro, ao edificio
propiedade de Cipriano Pais, cunha renda de 240 reais.
- No
ano 1849, coa insistencia de D. Roque Ferreiro por recuperar a
capitalidade retornou de novo a Negreira, instalándose xunto co Cuartel
da Guardia Civil no edificio da súa propiedade situado nun
extremo da Rúa do Carmen.
-Ao seguinte, no 1850, o Concello restablécese de novo en
Aro, onde permaneceu durante catro anos.
Casa do Concello no Pazo |
-En
agosto do 1853, ao ser Negreira cabeceira do Partido Xudicial
dese nome que fora creado o 21 de abril de 1834, solicítase ao
Goberno Civil da provincia un novo traslado, informado positivamente
pola Corporación Municipal presidida por D. Domingo Maceiras, coa
finalidade de que a capitalidade xudicial coincidira coa municipal e
que adoptara o nome de Concello de Negreira, co mesmo nome do
Partido, sendo comunicada a aprobación o 26 de xullo seguinte polo Ministro
da Gobernación, fixándose a súa ubicación no Pazo do
Cotón. A partir desa data pasou a denominarse Concello de Negreira. Posteriormente e froito dos avatares políticos seguiu
sufrindo outros cambios.
-Coa
caída de O´Donnell en 1866, tamén cae o xefe local D. Roque Ferreiro
tomando o poder o representante dos moderados de Narváez D. Antonio
Fabeiro Gorgal, destituíndo aos funcionarios municipais e nomeando
alcalde a D. Francisco Calviño, acordando un novo traslado ao
Edificio da Cárcel (Rúa do Carmen) pois como
consecuencia da supresión do Xulgado de Primeira Instancia
atopábanse libres as súas dependencias.
-Cinco
anos máis tarde, no 1872, ao ser reposto de novo o
Xulgado, a Corporación Municipal presidida polo Alcalde D. Francisco
Antonio Rey tomou o acordo de voltar ao Pazo do Cotón,
decidindo co que era xa dono do mesmo D. Roque Ferreiro Hermida, que
o tiña mercado por 14.000 escudos, o seu arrendamento tamén por 240
reais.
-Pero
no 1884, coa chegada ao poder de Cánovas del Castillo, D.
Roque perdeu o control político do Concello asumíndoo de novo D.
Antonio Fabeiro Gorgal, trasladando as oficinas municipais ao seu
domicilio no Camiño da Igrexa.
-O
23 de novembro do 1885, ao producirse a morte de Alfonso XII e
a caída de Cánovas del Castillo, accede ao Goberno de España D.Práxedes Mateo Sagasta coa conseguinte perda de poder de D. Antonio
Fabeiro Gorgal sustituíndoo de novo no mando D. Roque que levou
outra vez as oficinas municipais ao seu Pazo onde permaneceron
durante 41 anos.
-Como
consecuencia da Dictadura do Xeneral Primo de Rivera suben ao poder
municipal os Agrarios co alcalde Manuel Ruso Alonso ao frente e
trasladan, no ano 1927, as oficinas do Pazo á Rúa da
Cachurra, á vivenda propiedade de D. Francisco Leis.
Carreira de San Mauro |
-No 1933, durante a II República, sendo alcalde D. Victoriano
Fabeiro ubícase o Concello no edificio adquerido ao efecto na
Carreira de San Mauro, onde está a actual Casa da Cultura,
permanecendo alí durante 49 anos, ata que foi trasladado de novo as
actuais dependencias na Rúa do Carmen, antigo
edificio da Cárcel e do Xulgado de 1ª Instancia de Negreira no ano
1982.(5)
FONTES
DOCUMENTAIS :
(1)-La Voz de Galicia . 11,12 e 16 de maio de 1982.
(2)-Constitución
Política de la Monarquía Española Promulgada en Cádiz a 19 de
Marzo de 1812.Editorial Maxtor. Valladolid.
(3)-Xosé
Fariña Jamardo : Os concellos galegos. Tomo VI .Fundación Barrié
(4)-Xulián
Magariños Negreira. Un home da Época Nós. X. Amancio Liñares
Giraut e Blanca Ana Roig Rechou. Edicións do Castro.
(5)
Libros de Actas de Plenos. Concello de Negreira
No hay comentarios:
Publicar un comentario