lunes, 29 de mayo de 2017

BARCALA: ORA ET LABORA



O proceso de romanización deu lugar a ubicación da poboación de Gallaecia nas chairas e terreos axeitados para a agricultura e á proliferación de vilas (caseríos de varios edificios dun solo propietario), aldeas (vica), cidades como Flavium Brigantium (A Coruña) ou Iria Flavia (Padrón), os fora, asentamentos de carácter urbano ou semiurbano que facían de centros comerciais das súas zonas ou ás capitais dos conventos, Brácara, Lucus ou Astúrica Augusta. A rede viaria e a actividade comercial apurou a integración da poboación no Imperio acadando tamén o carácter de cidadáns .

Pero foron as invasións dos pobos xermánicos (suevos, vándalos, visigodos..) as que acabaron coa vida urbana, a poboación pasou a vivir pegada á terra e as cidades ficaron abandonadas, íniciándose unha época de profunda decadencia en tódolos órdenes.O Rei tivo todo o poder polo feito de selo: gobernaba, lexislaba e era o dono de todas as terras e de todo o que estuvese dentro dos límites do seu reino, agás os bens da igrexa e os nobres.


ORATORES

Los origenes de Compostela-Arturo Franco Taboada (1)

O acontecemento máis importante da Idade Media en Galicia foi o descubrimento, a comenzos do século IX, dun sepulcro cos restos atribuídos ao Apostol Santiago, na diócesis de Iria Flavia nun extremo do Val da Maía. O bispo Teodomiro declarou o recoñecemento oficial do enterramento comunicándollelo ao rei Afonso II de Asturias que logo dunha cerimoniosa viaxe manda construír a primeira igrexa adosada ao sepulcro.

Durante o reinado de Don Ramiro I os bispos Sisnando e Cresconio (842-850) crearon o primeiro recinto amurallado. Compostela é o destino de milleiros de peregrinos de toda Europa. Afonso III tansformou a igrexa en basílica entre os anos 880 e 899 .O 29 de xaneiro do ano 915 o rei Ordoño II concédelle a Compostela un diploma foral que di “ Siervos que moren en Compostela, si no son reclamados en el plazo de 40 días serán declarados ingénuos (libres)”.

O burgo medra e centos de moradores exercen xa aos máis variados oficios e tamén o seu suburbio, os privilexios de distintos monarcas amplían o señorío a un radio de 3 millas (Afonso II), a seis Ordoño I (854) logo a 12 Afonso III, e xa Ordoño II no 915 a 24, establecendo que os moradores satisfagan ao Bispo as mesmas rentas que debían pagar ao Rei. (2)
 
Os reis transferiron á igrexa compostelana o dereito de patrocinium que tiñan sobre os habitantes de ditas comarcas, salvo os da cidade que gozaban de total inmunidade. Así foi que Barcala quedou formando parte do señorío de Compostela.

OS PRIORATOS DE PORTOR E ARZÓN

Igrexa de Portor- Foto J.A.Gil Martínez

Era costume na Idade Media que nas basílicas se ocuparan comunidades de frades da liturxia por iso o rei Afonso II mandara construír (814), de acordo co obispo de Iria Teodomiro, un mosteiro con celdas e claustros e outras dependencias para uns frades benedictinos, encargando a obra ao seu primeiro abade Ildefredo, para que acudiran á catedral co fin de custodiar o sepulcro e atender os oficios relixiosos a cambio de recibir a metade das esmolas do altar maior de Santiago. O Mosteiro de San Paio de Antealtares pasou a ser o máis importante de Galicia creando outros mosteiros e prioratos da regra de San Bieito nas terras de Compostela.

S.Paio de Antealtares-Santiago de Compostela

O abade Adulfo III no ano 942 incorporou a ese Mosteiro o priorato de Santa María de Portus Odorii (Portor) a 3 leguas de Santiago e situado na marxe dereita do río Tambre xunto a Ponte Maceira, coa finalidade de recoller as rentas dos campesiños. Tamén no ano 985, sendo Gutier o abade de Antealtares recibe do monxe Leodofredo a donación da igrexa de San Mamede de Monte coas súas pertenzas e outros bens nos lugares de Nantón, Soilán, Buchaín, Triáns e outros varios para soster o convento, o alumeado da igrexa e esmolas aos pobres. O prior de Santa María de Portor a mediados do século XII era Ordoño Gundesmidez. (3)

O 16 de outubro do 1132 en tempos de Xelmírez constrúese o mosteiro tamén benedictino de San Xusto de Toxosoutos, perto de Noia, que logo incorpora o Priorato de Arzón, fundado polos condes de Traba, tamén nas terras de Barcala establecendo o seu señorío sobre os lugares de Romarís, Xallas e outras parroquias (1161).
A mediados do século XIII comeza a decaer o mosteiro de Antealtares pola cantidade de castelos e fortalezas que se construíron.

LABORATORES


A maioría da poboación (90 %), agás nos burgos, dedicábase á agricultura e pouco sabemos da vida dos labregos da Idade Media pois as crónicas da época prestan pouca atención ao seu xeito de vida. Eran os que sostiñan económicamente aos outros grupos sociais practicando unha agricultura rudimentaria e o excedente era entregado en rendas. O territorio estaba dividido en parroquias co fin de delimitar as terras que debían pagar as rendas a unha mesma igrexa: o décimo, ou a decima parte dos frutos e animais do ano, as primicias ou primeiros produtos das colleitas así como as crías dos animais ou a oblata, cantidade fixa en especie para manter o culto, ademáis doutras moitas referidas ao señorío sobre as terras, as persoas e a aportación en traballos, ou  polo uso do muíño e do forno. A fame e as enfermidades, cando non as guerras, eran o pan de cada día da poboación.

BELLATORES



Dende finais do século XIV o declive dos mosteiros fíxose unha realidade debido a cantidade de fortalezas que se construiron nas terras de Santiago. Os nobles, que non coñecían outra profesión que a das armas nin outro oficio que o da guerra, arrebatan o poder aos eclesiásticos que, segundo o canónigo e historiador López Ferreiro “ dende as súas empinadas guaridas sembraban a desolación e o espanto por todo o país. Desgraciado o abade que ousase reclamar contra tales desmáns porque era preso e arrastrado polas barbas”.Os vasallos dos conventos tiñan tamén que traballar na fortaleza do señor, pagar gravosos tributos e empuñar as armas cando eran requeridos.

O señorío de Compostela quedou dividido en numerosos estados ou feudos como os de Altamira, dos Montaos ou dos Ulloa. Nas terras de Barcala o castelo máis importante era o de Bronllos (Broño) no actual concello de Negreira que presidía todo o val e foi derrubado na gran Guerra Irmandiña (1467-69) ante os abusos que os nobles cometían, sendo propiedade de Bernal Dianes de Moscoso. Consérvase aínda o foso e os taludes defensivos no lugar de San Martiño .




(1) Los orígenes de Compostela-Una historia dibujada. Arturo Franco Taboada- Diputación Provincial de A Coruña.
 
(2) Fueros Municipales de Santiago y de su tierra.  Antonio López Ferreiro-Ediciones castilla S.A.

 (3) Apuntes históricos sobre Santiago-Antonio López Ferreiro .Consorcio de Santiago-Alvarellos Editora.






1 comentario: