Unha noite no muíño,
unha noite non é nada,
unha semaniña enteira
esa si que é muiñada!!
Cantiga Popular
O muíño do Porto acaba
de cumprir 109 anos e segue funcionando como o primeiro día grazas
aos coidados de Pepe da Habanera e Daniel Casal que se encargan de
telo en estado de revista. A trituración do grao mediante a moenda
era un proceso intermedio para a elaboración do pan, por iso non
hai río en Galicia que non conserve algún destes muíños de
ribeira.
A súa orixe ven do
periodo Neolítico. En moitas mámoas atopáronse muíños de pedras
planas que logo foron susituídos durante a romanización por outro
dunha tipoloxía máis moderna. Durante as campañas militares as
lexíons romanas transportaban nas mulas dos contubernios,
grupos de oito soldados que convivían nunha tenda, ademáis da mesma
e os elementos comúns, o muíño de man, formado por dúas pedras
cilíndricas que ao xirar unha sobre a outra trituraban a ración de
grao que era un elemento fundamental da súa dieta alimenticia.
Estes muíños circulares
aumentados de tamaño e engadíndolle un artiluxio mecanico para que
a enerxía hidráulica fixera mover a roda superior, foron
sustituíndo aos pequenos de man. Tamén hai algúns movidos por
enerxía eólica ou pola forza das mareas, pero son os menos.
O inferno co rodicio |
Nos muíños hidráulicos
unha presa desvía a auga do río por un rego -gavada- que a
leva ata a canle, unha pequena construcción troncopiramidal
que se estreita e conduce a auga ata o rodicio que ao xirar
trasmite o movemento á pedra móbil ou moa. O grao que cae
da moega, caixa de madeira pendurada enriba, introdúcese, a
través da quenlla, polo burato entre as dúas pedras. E
dalle que dalle, seguindo o ritmo da popular muiñeira, a fariña
vai caendo no farneiro.
Pero o muíño do Porto é
un dos poucos de cubo que hai na nosa contorna, porque como o
caudal do regueiro é pequeno, ten un depósito de cantería que
almacena a auga que ven da gavada e cando está cheo, abrindo
o billote, a auga sae con
forza para mover o rodicio. Di Pepe, mestre canteiro,
que a auga de cada cubo da para moer, polo menos, un ferrado de grao.
Este muíño comunal tiña repartido o seu uso entre todos os veciños
do lugar en turnos de moenda, tanto de día como de noite. A de
historias que se poderían contar vividas neste muíño...!
comenta sorrindo coa súa habitual picardía, porque os muíños
tiñan tamén a función de centro social e ás muiñadas acudían
especialmente os mozos e mozas, ás veces de troula.
Onte polo WhatsApp
mandoume Daniel copia do documento de constitución da comunidade
muiñeira, asinada polos veciños en 1906. Ademáis de Concelleiro,
é tamén un estudoso da Historia da súa parroquia de Broño e nas
revistas que a Asociación de Veciños publica periodicamente vennos
agasallando con interesantes e documentados artigos.
Os muiños deron tamén
lugar ao apelido Muíño, contribuíron ao enriquecemento do noso
léxico e a abundantes topónimos como Os Muíños, Muiñonovo ou
este onde se atopa o do Porto: Lugar de Redemuíños.
Pepe e Daniel |
BIBLIOGRAFÍA
- As construccións adxectivas-Cadernos Museo do Pobo Galego 9 -Manuel Caamaño Suárez-1998
-Legionario.Manual del soldado romano- Philip Matyszak-Akal -2010
- As construccións adxectivas-Cadernos Museo do Pobo Galego 9 -Manuel Caamaño Suárez-1998
-Legionario.Manual del soldado romano- Philip Matyszak-Akal -2010
No hay comentarios:
Publicar un comentario