O pazo do
Centro Galego da Habana, un dos monumentos máis importantes da
capital, situado no Parque Central ao lado do Capitolio, está a ser
totalmente rehabilitado dentro do programa de recuperación da zona
antiga da cidade. Fachada, instalación electrica e climatización,
artesonados e outras dependencias. Unha recuperaciób respetuosa coa obra inicial.
O Centro Galego,
inaugurado en 1914, e construído polos nosos emigrantes con pedra
levada da canteira lucense de Parga é todo un símbolo para
Galicia, pois foi nese emblemático edificio onde centos de galegos autodidactas, coa mirada posta
nos que aquí quedaban, puxeron en marcha un ambicioso proxecto que pretendía acabar co atraso cultural da sociedade galega da época. Suplindo o papel
que lle correspondía ao Estado: a creación de centos de escolas, elaboración de programas didácticos e financiamento dos mestres. Moitos dos que alí
se xuntaban, constituídos en mecenas, tamén se interesaron por introducir importantes
melloras nas localidades de orixe, que aínda hoxe constitúen un exemplo no
que mirarse. No Gran Teatro do Centro Galego estreouse, no ano 1907, o Himno
de Galicia.
Hoxe o fermoso
edificio acolle ao Ballet Nacional de Cuba e nunha pequena
dependencia ás sociedades comarcais que aínda subsisten, malia as dificultades económica e grazas ás pequenas axudas que a Xunta de Galicia anualmente lles envía.
Inesquecible a viaxe que
realizamos algo máis de medio cento de veciños, acompañados polos
alcaldes de Negreira, a Baña e Val do Dubra para asistir, xunto cos
nosos paisanos alí residentes, á conmemoración do Centenario da
Unión Barcalesa da Habana e celebrar a venturosa data no ilustre
salón do Centro, baixo a atenta mirada de Castelao que sorría
compracente dende o cadro que presidía a estancia. Alí
comprobamos a maxestuosidade de tan emblemático edificio.
O actual Presidente da
Unión Barcalesa da Habana, Manuel Rodríguez Barreiro,
envioume estas fotografías amosándonos a súa ledicia pola recuperación deste fermoso pazo que será sempre unha parte de Galicia en
Cuba. Tamén fala das dificultades que están a atravesar para manter
en pé á sociedade decana das barcalesas que o día 1 do vindeiro
mes de novembro cumprirá xa o seu 108 aniversario. Deles depende
tamén o Panteón que, no Cemiterio de Colón, acolle os restos
dos barcaleses que nunca voltaron á terra.
As asociacións comarcais
que hoxe aínda sobreviven no extranxeiro son tamén un
patrimonio que hai que conservar, un exemplo para unha
comunidade que, de novo, volve a expulsar aos seus,
e que precisa dunhas políticas axeitadas que corrixan os problemas
estruturais que arrastra e para o que é necesaria a implicación directa dos
propios interesados.
FOTOGRAFÍAS : Manuel Rodríguez Barreiro
No hay comentarios:
Publicar un comentario