Hai
un certo tempo que me agasallaron esta fotografía,
sabedores da importancia que teñen ás imaxes como documento social,
pois a sùa información é tan valiosa como a de algúns
documentos escritos. No reverso, con primorosa caligrafía, pon:
“Villancico en el Crucero de Bealo en la procesión del Corpus
del año 1902, dedicado al tío y primos de Negreira. Su sobrino
Valentín Lens Fabeiro”
Arredor do cruceiro os sacerdotes baixo palio, rodeados de ciriales, pendón e estandarte, homes e mulleres, coa atenta mirada dos
santos dende as andas, ofrendan un sahumerio ao “Santísimo
Sacramento”. Os cruceiros ubicáronse tradicionalmente nos cruces
de camiños, por ser unha cristianización do culto aos deuses
Viales.
O historiador José Carlos Bermejo Barrera, no seu libro “La
sociedad en la Galicia castreña” recolle o carácter máxico que
dende a época prerromana se lle atribuiu ás encrucilladas e, coa
penetración e implantación da relixión romana, as antiguas
divinidades célticas toman o nome de Lares Viales quedando reducidas
á categoría de deidades propias dunha cultura “folk”.
O cruceiro é un dos máis importantes monumentos relixiosos do mundo rural galego e, practicamente, non existe unha parroquia que non teña unha destas fermosas manifestacións da arte dos canteiros.
No noso concello temos 19 fermosas mostras destes sinxelos monumentos
tradicionais, a maioría de estilo gótico e tamén nos cruces de
camiños, algún coa mesa de pedra ou pousadoiro, onde se colocaban
os cadaleitos cando os veciños os levaban ao cemiterio. Antonte
comentábame Paulino que un dos dous que ten a parroquía de
Bugallido foi cambiado de lugar e que ó campo da festa aínda lle
chaman Campo da Cruz.
Os cruceiros forman parte do Patrimonio Cultural de Galicia, están
protexidos por Lei e non se pode facer ningúnha intervención neles
sen as autorizacións correspondentes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario