sábado, 8 de febrero de 2020

AGARDANDO A PRIMAVERA



LIQUIDAMBAR


Cando se prantaron eran unhas árbores pequenas que só pretendían humanizar as novas rúas e prazas. Logo foron medrando ao compás das construcións e cada ano hai que sometelos a unha poda intensa para que, ó chegar a primavera, a súa copa teña un aspecto discreto.

O mes pasado, aproveitando que caeron as follas, desmochárono, para que en marzo saian de novo os brotes con forza e no verán teñamos unha árbore bizosa que logo no outono coas súas follas bermello-douradas sorprendan a todos os que paseamos polas rúas.

O liquidambar,vulgarmente coñecido co nome de ocozol é ,como indica o seu nome composto do vocablo latino liquid e o árabe ámbar, unha árbore que responde ás súas feridas botando unha resina chamada storax que dende os máis remotos tempos tivo aplicacións farmacéuticas. O historiador romano Gayo Plínio, na Historia Natural, destaca o seu uso como perfume e medicina e no século XII o farmacéutico e médico malagueño Ibn al-Baitar fala del como un importante remedio curandeiro; por iso é unha honra telo como veciño.

Agora, aínda que parece inerte, estendendo os seus brazos cara a noite, non dorme; malia non ter follas segue a respirar por uns pequenos poros ao longo do tronco, as lenticelas, e por dentro a súa actividade é frenética coa respiración, a fotosíntese e a producción de sustancias que van facer que na primavera rebenten os brotes e manifesten de novo o seu esplendor.

Así e todo pareceume fermoso e ao pasar pola súa beira, mentres agardamos que rebrote de novo, non resistín a tentación de tirarlle a foto, tan ergueito no medio da noite e desta humidade que nos envolve, como agasallo a todo aquelo que durante o ano nos ofrece.







No hay comentarios:

Publicar un comentario