martes, 23 de abril de 2019

NINFAS DE BARCALA



                                                                                              Foto: López Tuñas

Nas tardes de primavera cando o sol vai caendo reflíctense no río Barcala unha mestura de sombras e reflexos que coa turbulencia das augas dan lugar a estas imaxes que, con apariencia de realidade, fanos lembrar aos seres mitolóxicos que os nosos devanceiros crían que habitaban nas fontes e nos ríos. Plinio O Vello escribía a comezos do século I: “A contemplación da Natureza convenceume de que nada do que podemos imaxinar é increible”.

A auga como fonte de vida e os ríos foron obxecto de veneración dende a aparición das primeiras civilizacións. Na Mitoloxía grecolatina as Ninfas eran seres acompañantes dos deuses, vivían nos espazos naturais, especialmente nas fontes e nos ríos. A elas atribuíanse propiedades miragreiras herdando logo as augas esas atribucións como elementos sanadores das persoas enfermas. Facíanselle variadas ofrendas engalanando as fontes con guirnaldas, botando comida, pan e incluso moedas. Malia a perda xeralizada dese culto ás fontes e ás augas, a tradición mantén vivas algunhas conmemoracións directamente relacionadas. Moitos santuarios de Galicia, como S. Andrés de Teixido ou a Virxe da Barca foron lugares de peregrinación precristiáns. O culto ás fontes moi abondoso na nosa terra, procede dese rito romano relacionado coas deidades protectoras desas augas ou incluso doutros anteriores.

                                        S. Xoan do Carballoso              ( Foto López Tuñas)

Na beira do Val de Barcala, nun lugar apartado da parroquia de Xallas ( Negreira) en San Xoan do Carballoso, por onde transcurría a Via XX (Per loca Marítima), unha das calzadas romanas máis importantes da Gallaecia, o  24 de xuño de cada ano, algúns romeiros lavan as súas mans na fonte para curar as berrugas e logo deixan os panos cos que se secan colgados nos ramallos, como unha ofrenda ás Creanas, que eran as ninfas das fontes.

Coa chegada do Cristianismo este lugar foi consagrado ao S. Xoan cunha pequena capela perto da fonte, aínda que algúns romeiros seguen con esta costume milenaria despois do culto ao santo.

Na mañá dese día, segundo a tradición, as Creanas amosàbanse pola alba manifestándose en toda a súa fermosura.


Subasta de ofrendas


A Romaría





No hay comentarios:

Publicar un comentario