Romería da Barca |
Hoxe
ten un porto moderno onde as embarcacións se protexen dos fortes ventos que no
inverno baten con forza no mar e nas penas e peneiran ás gaivotas que fuxen buscando refuxio nas rochas do Corpiño. O
moderno malecòn luce un fermoso paseo e ata as embarcacións deportivas teñen
alì acougo.
Daquela
cando se aproximaba a treboada os barcos fuxían cara dentro da ría para refuxiarse na Ponte do
Porto ata que os ventos amainaban. A vida dos mariñeiros era moi dura e as
mulleres vestían de negro, eran unha excepción as que non perderan alguén nas
profundidades do Canto, onde se dirixían a botar as redes para buscar o
sustento. Alguns días as familias agardaban no peirao baixo a chuva cos nenos
pequenos ao abrigo dos mantelos mentres as embarcacións subían e baixaban sobre
as augas traendo a ledicia aos seus, que comprobaban que atracaban sen novidade.
Aquela
noite o temporal chegou sen avisar, como tantas veces, e os barcos víronse
obrigados a quedar no porto. Pola mañá era difícil camiñar polas rúas, o vento
impedía avanzar e a auga caía como se a botaran cun xarro. Dende a fiestra
da Escola que estaba no Malecón, na primeira pranta dun edificio onde agora hai unha perruquería, vimos o barco, o máis grande de todos, sobre as rochas do Campo da Cruz.
Romperan as amarras e foino levando o mar cara ese lugar. Polo nome soubemos
que era o de Canducho. E agora, dicíamos, como farán para poder sacalo...!
Pouco a pouco o mar comezou a batelo contra as pedras, unha e outra vez coma se
fose de papel. Primeiro foi o casco de madeira o que empezou a esnaquizarse,
logo virou sobre o lado de babor e a forza das olas continuou o machaque da
ponte e dos mástiles ata que o esnaquizou de todo.
Foi
unha gran perda, para o seu dono e os mariñeiros que formaban parte da
tripulación, unha máis para o pobo de Muxía.
Estes
días celebran a festa da Virxen da Barca e os romeiros, a maioría
mozos, disfrutarán das verbenas na explanada que xa foi deseñada para abrigar as casas do temporal. Milleiros de persoas chegan ao santuario nas beiras do
mar bravío a mover a pedra de abalar, hoxe mutilada polo último
temporal, pasar a pedra dos cadrís ou disfrutar da forza do mar que segue a
puir as rochas convertindo a auga en milleiros de burbullas brancas cruzadas
polas gaivotas.
Canta xente...canta xente
Por camiños e por veigas!
Canta polo mar abaixo
Ven camiño da ribeira!!
.................
Xa
Rosalía de Castro en Cantares Gallegos (1863 ) adicaba un poema á Virxen da Barca e en fermosas
estrofas loubaba a beleza das mulleres que dende os máis diversos lugares de
Galicia acudían á festa para das as
grazas ou buscar a protección da santa.
Ramo de frores parece
Muxía a das altas penas
Con tanta rosa epallada
N ´aquela branca ribeira...
...............
...............
Cando
se coñece a dura vida dos homes do mar e as desesperadas situacións nas que
parece que todo se acaba, enténdese que ata os máis fortes sintan que só unha
forza sobrenatural poda rescatalos. Os exvotos colgados na basílica da Barca
son refrexo de situacións extremas vividas polos mariñeiros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario