|
Cabo Estaca de Bares |
Estaca
de Bares non é un invento dos mestres que dende pequenos nos facían
recitar o nome dos cabos de Galicia, tampouco unha creación dos
xeógrafos que sempre se empeñaron e bautizar cada curruncho da
xeografía como se dun rapaz se tratara. A longa punta rocosa penetra
no Atlántico querendo fuxir cara o infindo ante a mirada de envexa
do Ortegal que, por pouco, perdeu a carreira para chegar a ser o
punto máis septentrional de España.
Cada
día de verán centos de persoas achéganse a este privilexiado
balcón situado entre as rías de Ortigueira e O Barqueiro, onde
escachan os ventos e as ondas para, moi amodiño, baixar ata a punta
do cabo e alí ollar cara o horizonte intuindo quizais todo un mundo
que se atopa máis alá. Aquí sepáranse as augas do Atlántico das
da terra dos cántabros, emítense sinais luminosas e sonoras que
chegan ata as vinte millas para avisar aos navegantes do perigo de
achegarse aos agrestes cantís e a partires de setembro máis de
100.000 aves migratorias, alcatraces, pardelas e outras especies, fan
do cabo lugar de paso, é pois un importante punto de observación
das aves migratorias do Atlántico, do Ártico e do Mediterráneo. O
cabo está situado nun dos paraxes máis espectaculares da costa
galega.
|
PORTO DE BARES - Foto Ministerio de Agic. Pesca e Alimentación |
Aos
seus pés e na bocana da ría do Barqueiro está o porto máis
antergo de Galicia que sigue en activo, din que fundado polos
fenicios ( S. VIII a. C.), ese pobo de comerciantes que dende o
Mediterráneo navegou ata terras astures, aínda que os últimos
traballos de investigación dun equipo da Universidade da Coruña
atribúe a súa fundación aos romanos, polos restos atopados nunha
vila desa época, e van solicitar á Xunta de Galicia que sexa
declarado ben de interese cultural. Na Idade Media, no ano 916,
Ordoño II dona ao obispo de Mondoñedo, Sabarico, esta Vila de
Bares. Logo foi un importante porto baleeiro a nas profundidades dos
seus areais atopáronse numerosos esqueletos de cetáceos.
|
Coído de Bares e Illa Coelleira |
O
malecón do porto de Bares impresiona polos xigantescos pelouros que
frean os embates do mar e protexen a súa fermosa praia, onde os
nenos xogan a mergullarse nas mornas augas que teñen a cor da verde
terra que a rodea.
Na
súa beira tres meniñas loiras xogan a vender limonada recordando a
primitiva orixe comercial deste fermoso lugar: Somos de Valencia y
venimos todos los años. Si quiere puede tomar los vasos que le
apetezca, sólo cuesta la voluntad. Al terminar nos repartimos entre
las tres lo que recaudamos. Pruebe, verá como le gusta!
Deixounos para sempre Fernando, un bo amigo e compañeiro que a miudo me
lembraba que estivera de mestre nun dos lugares máis fermosos e
espectaculares de Galicia. E dicía a verdade. Camiñando paseniño
pola areal de Bares puiden gozar de toda a beleza que con tanta
paixón me tiña transmitido o meu amigo.
|
Nas augas de Bares |
No hay comentarios:
Publicar un comentario