Galicia é un dos poucos
lugares de España no que en tempos pasados cada familia tiña o seu
banco, o lugar onde se gardaban baixo chave os poucos cartos que o
labrego podía xuntar coa venda dos produtos do campo ou os animais
que quedaban logo do pago das rendas e os tributos. Xunto coa artesa
e a hucha era o mobiliario máis importante da pequena casa rural.
A artesa de madeira con catro patas e tampa gardaba en salgadura a carne da matanza do porco que
axudaba a completar a escasa dieta alimentaria que se adobaba no pote
e a hucha as prendas de vestir para o domingo e os días de
festa, o grao ou o pan.
Pero era o banco coas
súas fechaduras quen protexía as moedas de cobre ou prata que se
podían ir aforrando para unha necesidade, porque as de ouro xa sería
moito falar, privilexio só dos donos dos pazos, dos mosteiros ou
dalgunha casa vinculeira. Xunto coas banquetas, estaba na
lareira e nel se sentaban os membros da familia, para xantar,
quentarse nas noites de inverno a caron do lume e escoitar os contos
dos máis vellos, sobre o lobo ou a Santa Compaña.
Os bancos con nome e
apelidos das cidades e das vilas xa eran outra historia, negocios que
nada tiñan que ver coas modestas economías dos labregos, caseiros
ou caseteiros. Os fillos dalgúns, logo da volta de Cuba xa con
fortuna,chegaron a ser banqueiros de sona.
Foi na parroquia de Cabalar onde atopei ao pé da igrexa baixo un alpendre este antiguo moble, como mostra do que foi a economía de subsistencia da maioría
da poboación de Galicia en tempos non tan lonxanos e dos profundos
cambios que producíronse durante a penas un século na nosa sociedade. Por
eso non dubidei en fotografalo. En cada lugar da nosa terra
atópanxe edificios e obxectos que nos están a falar da Historia
dunha sociedade que a pesar dos atrancos soubo mellorar pouco a pouco
as súas condicións de vida.
Atinada foi a decisión
de quen acordou expoñer este importante elemento da casa labrega no
fermoso adro da igrexa, lembrando a todos os que por alí pasan as
esperanzas de futuro que se gardaban hai máis dun século ao pé das
lereiras de tantas aldeas de Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario