Cando
cumpría o servicio militar nun centro de instrucción de reclutas,
aínda quedaban dúas mulas que se empregaban para transportar nun
carro os caldeiros da basoira ata o lugar onde os camións recollían
os desperdicios. O encargado de coidar aos animais era un veterano
da Coruña, a súa función consistía en alimentalos, limpalos e
telos sempre en estado de revista, como alí se dicía.
Unha
tarde, cando un tenente pasou por diante do establo viu como o noso
paisano bouraba cun pau no lombo dunha delas, dándolle semellante
tunda que os golpes estalaban coma se fosen foguetes. O oficial,
espantado, mandou cadrar ao soldado e ameazouno co calabozo durante
todo o ano se volvía a comportarse dese xeito tan salvaxe. A
resposta deste foi inmediata: ¡Mi teniente, empezó ella
primero!
Co paso dos anos e a evidente mellora do nivel cultural o respeto
polos animais comezou a notarse, é o caso dos cans. Hai tempo estes
animais eran moradores case exclusivos das aldeas e as zonas rurais.
Coa excepción dos de caza, que gozaban dun estatus superior, o can
de palleiro foi sempre o servidor máis fiel da casa labrega: nela
facía de vixiante da vivenda, saíndo escopetado ante a presenza de
calquera visitante, avisando cos seus ladridos aos donos do casal;
tamén tornaba do gando e acompañaba aos seus donos, todo a cambio
da comida e dun trato que facía bo aquel dito de “levar unha vida
de cans”.
Hoxe pasaron a ser urbanitas e nalgunhas cidades de existir un censo
de seguro que acadarían case a metade da pobación residente. Os
paseos pola rúa confirman esa realidade, centos de persoas se
entrecruzan tirando pola correa dos seus animais, ás veces dous ou
tres, ata con abrigo no inverno. É admirable a delicadeza con que
os cidadáns van recollendo as cagallas e depositándoas nas
papeleiras ben envolvidas nas bolsiñas de plástico. O desfile de
razas é variado, dende os pequenos chihuahuas ou caniches, ás
veces no regazo dos donos, ata as especies máis grandes ou
perigosas, como os Boxer, Pitbull ou Dobermáns. Seguramente existe
un tipo de can para cada dono.
Hai tempo que a miña veciña Basilisa pasea polas mañáns co seu
canciño da correa: pequeniño, peludo e marrón, con cara de chino.
Hai uns anos, cando ía para o meu traballo, parámonos a falar como
outras veces e, ao comenzo da conversa.. Zas! chantoume os
dentes nun nocelo e quedóuseme mirando. A reprimenda que levou da
súa dona non foi pequena. Cando cheguei ó centro de traballo pasei
polo botiquín a desinfectar os catro buratiños que me
deixou de recordo. Dende aquel día o cativo cada vez que nos
cruzabamos, parábase, poñía xesto de buldog e rosmaba cara a min,
sen entender o motivo polo que o día de autos non o puxen en órbita
para dar máis voltas á Terra que a cadela Laika, que os soviéticos
mandaron no Sputnik.
É un problema de algúns animais afeitos a convivir co home en
calidade de compañía, xa o din os adestradores nos cursos de
comportamento para caninos: unha cousa é tratalos como seres da
natureza merecedores de respeto e outra cousa moi distinta manter
con eles unha relación entre iguais sen coñecer as súas
limitacións ou necesidades.
No hay comentarios:
Publicar un comentario