O xogador do Barcelona
Neymar mosqueouse porque os seus contrincantes din que se
sinten humillados cando xogan con el. O brasileiro fai co balón o
que quere: súbeo, báixao, pousao na cabeza ou en calquera sitio do
corpo. Fai o mesmo que as palilleiras de Camariñas cando trenzan o
encaixe. O xogador é demasiado bo, e aínda cae peor por facer
as súas estramonías cun sorriso de felicidade e iso fire. Os
contrincantes mosquéanse e mázano. Maradona di que lle dan
unhas duascentas couces en cada partido, ademáis doutros golpes cos
brazos; debe ser por iso que a Neymar lle piden dende os xornais que
se modere e xogue como o resto da tropa.
Algo parecido lle pasaba
a Johan Cruyff nos seus tempos de gloria. Alá polo agosto do
ano 1974 recén chegado ó Barcelona, veu xogar o
trofeo Teresa Herrera ao estadio de Riazor. Era a semifinal
contra o Peñarol de Montevideo e ao pouco de comezar, como os
defensas no podían termar del, un deles guindouno ó chan. Cabreado,
revolveuse e zorregoulle unha patada. Aqueles miles de espectadores
comezaron a berrar na súa contra con todas as forzas e o árbitro
amosoulle a tarxeta roxa, ante o pasmo do xogador que se negaba a
sair do campo, entre tantos asubíos. Cando marchou, fíxose un
silenzo sepulcral porque os milleiros de xiadeiros que pagaran as
súas entradas para velo xogar, quedaron con cara de parvos.
O caso contrario
aconteceulle a un veciño meu, que cando o levaron xogar un partido de ascenso á Terceira División co equipo do pobo, púxose á sombra
dun piñeiro e non houbo quen o fixera mover. O mozo ría cando
encaixaban algún gol e dicía que a súa saúde non lle permitía
coller unha insolación.
Onde Neymar non
tería futuro sería na Política. Nesa actividade, desgraciadamente,
hai que ter un peso específico cero; se alguén sobresae, córtanlle
a cabeza e se é de moito peso vai ó fondo, por iso agora, o ideal
na práctica desta disciplina é manterse a flote segundo vai subindo
a auga de nivel, e non cansar ata chegar ó cumio.
Será o demo que aínda
que me propoña o contrario acabo falando de política. Pero dicía
un bo mestre que tiven:
-Mirade rapaces,
si vou pola rúa e teño moitas, motísimas ganas de mexar,
arrímome a un balado e fágoo. Entón loxicamente, virá o Garda
Municipal e chamarame a atención: Teño que multalo, porque
iso non se pode facer na vía pública!
-Pero si teño tantas
ganas non podo aguantar e non hai mexadeiros públicos....con esa
norma non estou dacordo, debera haber excepcións!
-Vedes, dicía,
ata cando mexamos podemos estar meténdonos en política. Porque
en realidade a política abarca todas as actividades da nosa vida e
aínda que non nos metamos con ela, acaba ela meténdose con nós.
No hay comentarios:
Publicar un comentario