domingo, 17 de febrero de 2013

O MEIGALLO



Na nosa rúa botáronnos un meigallo. Ou eso é o que comentaban onte unhas veciñas entre risas por unha bolsa con tres ovos e unhas moedas que dende hai días está pousada nun dos cruces. O certo é que ninguén a retira e cada mañá aparece nunha das catro esquinas da encrucillada. Eu díxenlles que seguramente alguén que foi mercar os ovos esqueciuna no chan e non volveu a recollela, pero contestáronme con sorna: Si,Si...

O meigallo é unha das superticións máis antergas de Galicia e ao parecer levábase á práctica cando as enerxías máis negativas asolagaban a alma de alguén que precisaba liberarse delas botándolle todo o mal á persoa obxecto da súa xenreira. A miúdo había que acudir a unha meiga para que a instruira sobre a práctica mais axeitada a cada caso.

Sempre se facía con nocturnidade  nas encrucilladas e as aves eran elementos moi comúns nestas prácticas da meiguería.

Os cruces de camiños  tiveron un carácter máxico nas antigas culturas agrarias. Os romanos colocaban neles pequenos altares de culto aos deuses Lares e alí depositaban ofrendas, por eso en Galicia foron cristianizados cos cruceiros, esas cruces de pedra que aínda hoxe vemos nos camiños. Cando os enterros eran peatonais sempre se paraba o cadaleito en todos os cruces para rezar tres padrenuestros pola alma do difuntiño.

Tamén as aves formaban parte das prácticas supersticiosas, especialmente os galos.

Hai anos un amigo agasalloume uns interesantes exemplares editados pola Universidade da Habana sobre os estudos etnográficos que a profesora Lázara Menéndez realizou sobre a relixión afro-cubana. As prácticas da santería están moi arraigadas no Caribe e nunha das viaxes que fixen a Regla sorprendeume como os galos ó igual que noutras relixións naturalistas tamén eran un elemento a miúdo presente nesas cerimonias.

Pero eu mais ben penso que polos compoñentes da bolsa o “meigallo” da nosa rúa é mais ben unha pregaria ou ofrenda para curar algún mal.

-Hola buenos días, mi nombre es Vanesa, ¿en que puedo ayudarle?
-En conmmemorar con nós o corte de enerxía número cen que acabamos de sufrir hoxe varios veciños da nosa rúa.
-Xa están fartos de sabelo! Os ordenadores, descodificadores , conxeladores e outros aparellos reciben de vez en cando uns calambrazos nas súas partes máis íntimas que algún deles xa pasou a mellor vida.
-Ah, se trata de una derivación a tierra provocada por alguién que tiene una avería y la descarga se produce a través de su toma de tierra; es muy difícil de localizar porque solo puede hacerse cuando se produce la descarga. Es conveniente que llamen en el momento de producirse el corte de suministro para que la brigada pueda localizar al causante de la misma.
-Pero si xa chamamos centos de veces!!!!
-Bien, no se preocupe, voy a tramitarle una reclamación y en el plazo de quince días los servicios técnicos le informarán de la causa de la derivación.
- !!!!!!!!!!!!!!!!! ¿¿¿¿¿ ¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡

Cando polos medios racionais non se lle atopa solución aos problemas algunha xente acude a outros métodos máis inmateriais para ver de amañalos. Eu tiña unha parente que non acadando solución a algo acudía a Santa Rita. A pequena imaxe da avogada dos imposibles acompañouna durante a súa vida e botaba man dela sempre que lle conviña. Ao parecer o sistema funcionaba e cando non era así atribuíao a que as pregarias non foran acompañadas do debido fervor, por eso a santa non tiña a culpa dos fallos.

Penso que imos ter que facerlle algunha pregaria a San Voltio para ver de amañar o noso problema con FENOSA se o “meigallo” dese veciño ocorrente non da resultado.







viernes, 8 de febrero de 2013

1986-CAMPELO ENTRA EN EUROPA



No Entroido de 1986, ano de incorporación de España á Unión Europea, a parroquia de Campelo-Negreira acada o 1º Premio nos concursos de comparsas e carrozas dos concellos de Negreira e Santiago de Compostela.






 COPLA

Campelo entra en Europa
e xa somos europeos.
¿Quen falou de que empezaba
África nos Pirineos?
Temos hasta “Challenger”
coma os americanos,
espero que non estoupe
senón déixanos “colgados”.

Velaí ven representantes
da Europa comunitaria:
o gran danés mai-lo-belga,
e “Don Mitterran a Pata”.
O fillo de Luxemburgo,
que non sei como se chama,
e Don Bettino Espaguetti,
representante de Italia.
Don Nikos Papanatoulos,
e o Don  I.R.A. de Irlanda,
o tulipan holandés
e a filla da Gran Bretaña.
Don Helmut “Cerveza” Kohl
procedente de Alemaña,
e,  en fin, milagrosamente,
de Portugal doña Fátima.
Falta un para a docena
como capiscaredes vós:
Vai de viaxe en Bruselas,
por unha negociación.

Xa temos I  UVE A,
o IVA para entendernos,
os probes consumidores
non temos onde meternos.
Disque é o precio a pagar
por entrarmos en Europa,
¡Vaia, vaia...! e decir que
véndese esa señora.
Si os precios van polas nubes,
este adianto moderno
que trae a señora Europa,
é un trabuco do demo.
Non hai Cristo que o entenda,
é un rollo patateiro,
hasta os curas cobran IVA
por dar “ o pan de los sielos”.
A cambio do IVA teremos
un tempo de adaptación
pra enterarnos pouco a pouco
de que vai esta cuestión.

Circularán libremente
servicios e mercancías,
capitales e persoas,
borrallas e tonterías.
As aduanas de Francia
correrán  tupidos velos,
e pasarán os camións
esa fronteira sen medos.
Que farán os gabachiños,
en qué pasarán o tempo,
se non lles deixan tirar
nin laranxas nin pomelos?
Por min que vaian ao paro,
cheos de “merci  beaocoup”
ou mellor, pensandoo ben,
que vaian tomar....
(un viño á Torre Eiffel)

Á feira europea levamos
un gran carro de combate,
con fumeiros de castaño
e rodas de chiculate.
Un arado que ara soio,
sin cabalos e sin vacas,
¡temos tantos adiantos
que non nos caben na casa!
Temos un ordenador
con cara de sembradora:
¡como ordena os grans de millo
cando chega a súa hora!
Levamos caixas de froita
para vender en Avignon,
con un pouquiño de sorte
non nos “chiscan” o camión.
Toxo para facer licores
cebolas para empanadas,
empanadas europeas
que se comen coma nada.
Millo que dará fariña,
e a fariña, filloas;
filloas e filloeiros
tamén levamos a Europa.
Levamos coles da horta,
mellores que as de Bruselas.
¡Que lle pregunten aos porcos,
como pelexan por elas!
Encheremos o mercado
co noso leite europeo,
non está representado
porque o levou o leiteiro.

E agora perdoade,
porque temos que marchar.
O que pasa ciudadanos,
é que temos que votar...(as vacas)
                                               
                                                                                  (Comparsa de Campelo)

jueves, 17 de enero de 2013

OS NOSOS MÚSICOS .




Charanga Mekánica


 Andaba medio perdida
cando o amor me atopou,
vendo a Charanga pasar
tocando alegres cancións.
...................
                         Canción


O día 26  de xaneiro deste 2013, cumpríronse 10 anos da creación da Charanga Mekánica por un grupo de rapaces expertos en transformar o aire en melodía. Tan bos músicos como persoas, e dígoo porque os coñezo dende hai tempo, son a alegría da música e tamén bos profesionais que participan noutro tipo de formacións musicais.

Temos que agradecerlles o evento que organizan porque concentrarán ese día outras charangas amigas e está garantida a troula musical. As charangas son a ledicia elevada á enésima potencia.

A música sempre gozou dunha gran tradición na comarca barcalesa: labregos, carpinteiros, canteiros e outros artesáns ocupaban as súas horas libres aprendendo a tocar un instrumento para logo integrarse nalgunga das distintas agrupacións. Os coñecementos musicais pasábanse duns a outros coma se de unha ferramenta se tratara. Dende o grupo de Agapito que coa súa gaita enchía de troula as foliadas e celebracións, pasando polos quintetos, bandas de música, coros e orquestras ou importantes persoeiros como Xoan Trillo, a representación musical foi variada ó longo do tempo abarcando tódos os xéneros.

De rapaz acudía sempre á festa de Santa Mariña en San Martiño de Broño, a aldea dos meus avós paternos. Alí na casa de Urbano, curmán de meu pai, tiven por primeira vez un clarinete nas mans, aínda que por moito empeño que poñía non era quen de sacar algún son para fóra do instrumento. Carpinteiro de profesión, era un namorado da musica e a unha das súas fillas púxolle de nome Cecilia, a patrona dos músicos.

Urbano López Trillo botou moitos anos no Brasil e cando voltou, xa de maior, nunha entrevista de M. Fernández (Luz Picos) publicada en La Voz de Galicia en agosto de 1983 relata como, xunto con Pedro de Barbazán (batería) e Victor de Gándara (trombón), crearon a Orquesta Ecos de Barcala no ano 1945 ao estilo das americanas da época. Coa Orquesta Andújar fundada por Emilio Andújar, outro músico de sona que adicou toda a súa vida a esta actividade, amenizaron as romarías e as festas da comarca durante décadas.

A persoa que eu máis admiraba de neno era Daniel Magariños, pequeno e regordete, dentro do seu impecable traxe azul con garabata negra, desfilaba ao frente da banda A Lira de Barcala espallando melodías por todas as rúas do pobo. Sempre serio e cun aquel de autoridade como se fora consciente da importancia do seu labor. Os máis pequenos marchábamos detrás, acompañando A Parrula como tamén era coñecida polo alcume da propietaria da casa na que ensaiaban. Dende aquela ando sempre con algunha melodía no maxín que as veces sae en forma de asubío.
Os Magariños eran unha familia de músicos, Panchito empezou por un defecto físico, nacera con unha man máis pequena e recomendáronlle aprender a tocar o piano para rehabilitala, chegou a ser director da Escola de Órgano de Xenebra e un importante concertista e Marita, que foi profesora de moitos de nós, ensinoume a solfear coa compaña do piano; grazas a ela saquei moi boas notas nesa asignatura.
No veciño concello de A Baña creouse en 1980 unha banda xuvenil dirixida por Emilio Andújar coa colaboración do Concello presidido por Francisco Villaverde e no ano 1984 creamos no  de Negreira a Escola Municipal de Música e logo a Banda Infantil e Xuvenil que  foi un viveiro de novos valores e de futuros profesionais que hoxe exercen a docencia, tocan en diversas formacións orquestais ou ben practican na intimidade. A afección foi a máis e dende hai tempo a plataforma Máis Música está facendo unha campaña para que a nosa Escola Municipal se transforme en Conservatorio.

O sábado 26 a festa será completa e de seguro que Euterpe acudirá a Negreira para encabezar a movida.

Noraboa á Charanga Mekánica e que siga triunfando!


ALBUM

  


Quinteto de Portor


Banda de Negreira-1920



Tamén na Habana

A Lira de Barcala- A Parrula-1945



Orquestra Rey

Orquestra Pose




Banda Xuvenil de Negreira


Grupo de Gaitas de Negreira

Bocinazo

martes, 23 de octubre de 2012

COMA UN IRMÁN CHE FALO




    "Podo afirmar con rotundidade que Xaquín pertence a ese tipo de persoas que van pola vida derrochando talento, eficacia e xenerosidade".

                                                          X.Denis



                                            VÍDEO HOMENAXE A D. XAQUÍN GÓMEZ BARROS



                                                         

miércoles, 17 de octubre de 2012

CARMIÑA PENSADO

Carmiña Pensado con: Clara, Pepita, Maruja, Lolita, Marinieves e Marité


 Onte finou  a nosa profesora Carmiña Pensado. Carmiña foi toda unha institución en Negreira pois exerceu durante anos na Academia e logo pasou a formar parte do claustro de profesorado do Instituto Rosalía Castro de Santiago de Compostela.

As academias privadas propiciaron que moitos rapaces e rapazas das vilas de Galicia poidéramos acceder aos estudos académicos que doutro xeito non sería posible, pois os institutos estaban nas cidades. Comecei con Carmiña aos once anos, coa Lora e La Bureba e as restantes comarcas de España e rematei con Rousseau e Pestalozzi, pasando pola Guerra das Galias e os sistemas de cristalización dos minerais. Centos de rapaces e rapazas formámonos na Academia onde todo se baseaba no esforzo persoal e os profesores contribuían a rentabilizar  o traballo diario.

Alí pasei de alumno a profesor, antes de finalizar os meus estudos, e souben da sensación de cobrar o primeiro salario que conservei máis dun ano dentro do sobre para disfrutar do que significaba aquelo de trasformar o esforzo en diñeiro. Tamén convivín durante anos con amigos e amigas que aínda na distancia seguen sempre presentes. Aprendín moito dos meus compañeiros profesores: Carmiña, Rosita, Alicia, D. José, José Luis e outros moitos.

Unha das característica de Carmiña era a súa esixencia que logo se traducía en sobresaíntes nos exámenes que tíñamos que pasar en dous días, no mes de xuño de cada curso, ante un tribunal no Instituto Masculino de Compostela. Tamén sabíamos que a miúdo daba clases particulares desinteresadamente no seu domicilio a algúns xóvenes que non podían facelo na Academia.

Nestes anos conincidíamos nos veráns, cando viña pasar uns días na súa casa paterna, e pasábamos tempo falando, sempre me preguntaba polos antigos compañeiros e compañeiras de estudo, tamén polo acontecer diario e polos meus porque cando eu era pequeno vivía onda a súa casa e as nosas familias tiñan unha relación estreita.Os meus pais sempre me poñían  a ela e ós seus irmáns como exemplo de persoas estudosas. 

Cando onte souben do seu pasamento, chamei ao meu amigo Manolito Sánchez, para comunicarlle a noticia e recordarnos dos tempos de aprendizaxe, e hai unha hora na Capela do Cotón acompañando á profesora Carmiña no recordo, coincidimos antigos compañeiros e compañeiras, tanto alumnos e alumnas como docentes.

Estes acontecementos tristes fan sempre que se conecte o flash -back e como me decía hai un intre o amigo Pepe Denis, parafraseando a García Márquez: “Dende hai tempo van desaparecendo persoas das que antes non morrían”.

Prof.J.Luis con: Barca, Emilio, Manolo, Elías, Toscano, Puñal, Xulián,Tomé, Marcial e Oreiro



Carmiña Pensado con : Mariló, Mª Carmen, Maruja, Maricarmen, Marichús,Rosario, e Conchita






domingo, 23 de septiembre de 2012

VOANDO NO QUADS



Cada sábado pola mañá no Camiño Vello,  se o tempo acompaña, séntase no seu quad e abre a súa noveliña. A xente pasa e mira unha semana tras outra. É unha imaxe pouco común,  todo o máis camiñar polas rúas cun ollo no xornal e outro nas farolas,  por aquelo da integridade física pero así, na biblioteca ambulante, non é algo moi visto. Non o digo polo quads, senón por aquelo de ler. Na nosa terra parece que as afeccións son outras.

Onte pareime a falarlle. Juan vive en Corneira, do concello de A Baña, e mentres agarda, as horas voan sobre a máquina e a imaxinanción percorre o deserto de Nevada ou o escenario que toque nesa xeira. As súas afeccións son a lectura e o fútbol. Atopeino pola estrada algún domingo no seu catriciclo, dí que é socio do Negreira e mais do Xallas de Santa Comba, que non perde un partido. Tamén falamos da miña familia, pois na súa terra de adopción naceron os meus antepasados maternos e alí teño parentes. É un home serio e bo conversador, e moi amable. Non puxo reparos a que lle tirara este retrato: “ E por min... non me importa!”

Falamos e falamos do pracer da lectura. É  unha mágoa que o exemplo non sexa o do común. Cando lemos, a nosa imaxinación vaise da man do que escribe, viaxamos por outras realidades, maxinamos outros universos ou profundizamos no propio. Un libro é coma unha conversa interesante de alguén que ten algo que contarnos e que, xeralmente, faino dun xeito pracenteiro. Cando vai bo tempo aproveitamos para sair á rúa e deixamos os nosos libros esquecidos nos seus cárceres. Habería que prantexarse sacalos das bibliotecas, airealos, que lles dea o sol, achegalos á xente e deixalos facer o seu labor.

Juan teno claro, onde vai o quads vai o libro.Coa súa máquina non pode andar a moita velocidade, pero cando colle o libro a  imaxinación voa.



sábado, 8 de septiembre de 2012

AUGAS MAINAS


                                                                                                          Foto López Tuñas


Aquí onde o río Barcala recibe ao Albariña, que baixa dos altos de Freixeiro, nas tardiñas de verán transfórmanse as augas nun espello onde se miran os abeneiros. Logo o noso río camiña mansamente acariñando á vila de Negreira botándose máis abaixo no Tambre.

O Barcala é o río que da nome á nosa comarca; dende o monte Cornado cruza o Val ó longo de 19 Km recollendo as augas dunha cunca de 98,5 Km2.e aportando un caudal de 4,2 m3/sg na súa  desembocadura

Eu gusto de camiñar á tardiña polas súas beiras, onde se xunta co seu gregario o Albariña, ollando como a Natureza se mergulla e as mellores troitas pasman, porque este río grazas as súas augas claras e transparentes é troiteiro por excelencia. Tamén xeneroso, pois durante séculos a forza das súas augas sacudiu os rodicios dos muiños que vixían as súas márxes.
Balsa dos Garrido

En Galicia os muiños de auga foron dende a Idade Media fonte de riqueza das xentes do campo, porque están relacionados co pan. O gran que os nosos campos ofrecián á suor dos labregos transformábase en fariña ó run-run da muiñeira. Nos últimos catro quilómetros da súa desembocadura, aínda se conservan varias destas construccións caraterísticas. Pero o que máis chama a atención son as balsas que desviaban a auga cara eles. A de Refoxo, que foi aula de aprendizaxe para nadadores, a de Vilachán e a dos Garrido. Son todo unha reliquia que debera arranxarse. O muiño está directamente relacionado coa vida social e labrega de antano.

Pero se esto non fora dabondo o Barcala, xa na súa desembocadura co Tambre, acolleu hai tempo unha minicentral eléctrica que xeraba enerxía para a vila de Negreira; aínda hoxe, cando as augas baixan no verán, os rapaces percorren a balsa de Patiño que desviaba a auga para as turbinas. Toda unha fonte de riqueza que saía deste cauce.

Muíño dos Castros
Os ríos son un tesouro para Galicia e débense preservar e poñer en valor. En setembro do 2010 o alcalde de Negreira Jorge Tuñas, inauguraba un fermoso paseo de 2.200 m de longo que dende o fondo da Vila bordea o cauce ata a Área Recreativa de Cobas. O uso social para a xente de todas as idades fan deste lugar un remanso de paz que permite disfrutar cada día deste agasallo e que hai anos era patrimonio exclusivo dos pescadores que se atrevían a patear as marxes ou meterse polas augas craras.

Onte, sentadas nun dos bancos da ribeira, dúas señoras comentaban: “Que Deus llelo pague a quen nos permitiu disfrutar desta regalía”.

Agora debérase continuar a obra iniciada coa restauración das balsas e os muiños, a limpeza periódica do cauce e a reposición da vella Pontella dos Castros.

O noso patrimonio natural e cultural ben o merece.



BIBLIOGRAFÍA

(1) OS RÍOS GALEGOS -Francisco Javier Río Barja e Francisco Rodríguez Lestegás-Consello da Cultura Galega






sábado, 4 de agosto de 2012

DO MINUTO AO SEGUNDO

                                                              (Foto López Tuñas)

Atopeime na Coruña cun retratista como é debido, daqueles de minuto que, coa caixa escura, ían  recollendo polas feiras ou as  prazas das cidades a imaxe das xentes. Estaba entre as casetas da Feira do Libro, que seica é pola súa importancia a quinta de España, e as do Certamen de Casas Regionales, que debe ser o primeiro porque dubido que perdure algún outro.

Chamaba a atención na Feira do Cotón  ollar a Castromil, co seu gardapolvos gris, manipular  ás apalpadas dentro do caixonciño de madeira, ata que sacaba a tira de papel que introducía na lata con auga, colgada no trípode, da que logo xurdían as imaxes dos que iban pasando por diante do obxectivo: a nai co fillo que tiraba o retrato para mandar para as Américas, o soldado de infantería co seu uniforme, o mozo que pedía unha con forma de corazón e coa lenda No me olvides ou os amigos que querían retratarse xuntos. Nun minuto quedaban estampadas no papel tantas historias que logo se gardaban coma tesouros. Non hai máis que ollar aqueles retratos para entender canta cousa se agocha neles .


Pero os máis espectaculares eran os da romaría de San Francisco de Corneira, cos seus cabalos de cartón e os decorados de lona. Sempre se poñían entre o Barriga Verde e as lanchas. Alí podíase escoller entre posar diante da mansión dun Falcon Cres ou montado no cabalo co sombreiro mexicano. Contoume unha vez Mero da Chancela que na romaría de San Eleuterio un rapazolo da parroquia coloulle a ún deles unha rá na lata e cando o home metiu a man todos os cativos empezaron a berrarlle ¡¡croá..croá!! Foi tal a que se armou que ao primeiro que pescou houbo de escacharlle o estribillo fotográfico nas costas.

 Hoxe retratistas somos todos; calquera aparello serve para pixelar a vida, mandala e enlatala. Tan rápido coma nun segundo, que tamén é o tempo que se tarda en esquecela. Consecuencias do overbooking.






domingo, 15 de julio de 2012

O MEU CLIP




Algúen se puxo a pensar canta fermosura se agocha nun pequeño obxecto ou canto afecto nun detalle; canta grandeza pode caber na cousa máis pequena e canto heroismo na xente máis humilde?

Os meus compañeiros e compañeiras téñenme ouvido loubar a importancia do clip, ese pequeno resorte de metal que nos axuda a cotío a ordear, clasificar e estruturar os papeis nos que se van ceibando as ideas e os pensamentos para logo trasmitilos e utilizalos na tarefa cotiá. O camiñar pola vida vaiche ensinando que é nos máis sinxelos obxectos ou nas persoas máis modestas, por todos esquencidas ou iñoradas, onde realmente se atopa a grandeza.

De seguro que ninguén se parou a valorar a importancia do porrón, ese recipiente de barro, agora xa esquecido que, de man en man, nos labores máis duros do verán calmaba a sede e daba folgos no traballo do campo a centos de milleiros de modestos labregos. Ou a simple fregona que liberou os riles e os xionllos das mulleres nas súas tarefas cotiás de sacar brillo aos chans propios e alleos.

Eu vivo rodeado de pequenas cousas que a miudo me recordan o que é a amizade sincera; dende un fermoso libro a un CD; unha colección de afectos, tan sabedores coma un bote de mel, que se foron acumulando ó longo deste meu camiñar vital. Ou tamén dos pequenos agasallos cos que algúns compañeiros quixeron deixar patente o seu agradecemento polo que non foi máis que cumprir cunha obriga.

O mesmo ocorre coas persoas, as máis modestas e importantes quedan ás veces inxustamente cubertas por unha codia de esquecemento, involuntario ou conscente, e que debemos excavar para sacar á luz a súa verdadeira dimensión. Por eso naceu este blog, ÁGORA, para lembrar e loubar á xente que ao longo do tempo e no máis ademirable anonimato, aportou o seu esforzo ou deixou a propia vida ó servicio de todos e que foron un exemplo de traballo e cidadanía. Aqueles aos que lles debemos que todos vivamos agora un pouquiño mellor. Porque, cantas persoas traballan a cotío perto de nós dun xeito desinteresado, en asociacións, comisións ou institucións ao servizo dos demáis? Pois niso, nese modesto traballo e dedicación radica a súa grandeza.







É de xustiza pois, valorar as pequenas cousas que fan agradable a vida dos demais. Tamén os pequenos obxectos que nola facilitan: o porrón e a fregona, o clip e as pinzas, a cremalleira e o velcro, a lata e o tetrabrik, a cinta adhesiva e a goma elástica, o abanico e a bolsa de té, o lapis e o bolígrafo... e aprender a valorar a súa humilde grandeza e utilidade. Tamén a súa fermosura.

E todo isto ven a conto de que no Pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela, réndeselles homenaxe nunha das máis fermosas exposicións que por alí pasaron: INVENTOS XENIAIS, HEROES OCULTOS, OBXECTOS COTIÁNS. A historia da súa invención, o seu desenvolvemento histórico, as condicións técnicas da súa produción a grande escala e que seguen a estimular o traballo dos artistas e creadores. A estética e a utilidade destes obxectos que se fabrican millóns de veces e que son indispensables na vida cotiá. Algo que paga a pena disfrutar ata o 29 de agosto deste ano.


miércoles, 27 de junio de 2012

FIN DE CURSO



1º ESO-A

Esta fotografía é de  unha das clases de primeiro da ESO no noso instituto, na véspera de rematar este curso escolar. Así de relaxados e tranquilos, parece unha pose pero non o é, foi a tónica de todo o ano. Traballan, participan, opinan e sempre nun ambiente sereno.

A inquedanza dos primeiros días xa ficou atrás, non acorda. Foi unha adaptación moi curta. Todos distintos pero aprendendo a respetar as peculiaridades de cada quen.

Este ano conmemoramos o 30 Aniversario da creación do Ensino Secundario en Negreira; dispor deste centro público é un logro importante para a nosa comunidade. A creación do Colexio Municipal Homologado foi o primeiro paso para que nacera o actual Instituto de Ensino Secundario “ Xulián Magariños”; logo seguiron as melloras, e a extensión do ensino obrigatorio ata os 16 anos un progreso que non lle gustou aos partidarios de que a Educación seguira sendo un privilexio de clase.

Hoxe, os nosos alumnos reciben unha educación persoalizada, adaptada ás características de cada un e tendo en conta as súas capacidades. Dispor de profesora de apoio para os que teñen máis dificultade, grupos específicos para os alumnos con retraso nas asignaturas básicas e un extraordinario equipo de Orientación, que apoia de cotío a profesores e alumnado, é unha regalía que non se pode perder.

No noso Centro cúrsanse tamén estudos de Bacharelato, Ciclo Superior de Sistemas Informáticos e un Ciclo de Grao Medio de Comercio. Polas tardes funciona unha sección da Escola de Idiomas de Santiago de Compostela. Tamén acolle ó recentemente creado Centro de Estudos Barcaleses que xa está empezando a recoller todas as publicacións que se foron editando sobre a nosa comarca de Barcala. As actividades ó longo do curso son múltiples e variadas, dende a viaxe anual a Grecia ou Roma do alumnado de Cultura Clásica ata premios de investigación. Celébranse cursos de formación para o profesorado e algún imparte docencia en facultades universitarias e agasállannos con publicacións periodicas e traballos de investigación das súas materias.

Remata este curso con malos augurios, o equipo de demolición instalado nas institucións públicas puxo o punto de mira neste patrimonio de todos que tanto esforzo costou construír. A pasada semana xa publicaban os xornais a volta ás escola unitarias cun mestre/a para atender ó alumnado ata os 12 anos. Eu sigo pensando o que recollía hai tempo neste Blog, no post Mi colega Cayetano: A intransixencia en España trasmítese nos xenes e os principios constitucionais aínda chirrían no cerebro de moitos persoeiros.

Hoxe é día de entrega das calificacións, a inmensa maioría do alumnado saía contento. Xa andan polas rúas coas súas gorras, balóns, bicis e traxes deportivos.

Felices vacacións rapaces, que ben as tendes gañadas!


En Val de Barcala- Revista do IES Xulián Magariños