É poesía un río con orelas
Pasaron anos daquel día triste en que nos deixou José M. Lòpez “Ardeiro”, home xeneroso, honesto e bo amigo. Xuntos compartimos a infancia, a adolescencia, os primeiros bailes da xuventude e, sobre todo, o compromiso social e solidario da idade adulta porque moito era o que nos unía, aparte dunha profunda amizade. Aínda que se foi, segue presente para os que tanto o apreciamos.
Pero ademáis Pepe Ardeiro era un gran poeta, a súa obra recollida en seis libros foi merecente de importantes premios literarios: Premio de Poesía Cidade de Ourense, Premio Celso Emilio Ferreiro, Premio Eusebio Lourenzo Baleirón e as homenaxes que se lle adicaron deixan constancia do profundo aprecio que en Negreira todos lle temos como amigo e poeta.
Nos seus versos recolle o seu pensamento, as súas emocións e os seus sentimentos transmitidos cunha linguaxe que o pon a altura dos bos poetas de Galicia. Os que con el convivimos sabemos da sinceridade dos seus fermosos poemas, nos que imos descubrindo parte da súa vida e das súas vivencias, tamén da Galicia daquel tempo.
O recanto profundo dos piñeiros
fálanos da túa nova moradía,
vivindo cos silencios compañeiros
letargo noutra vida fuxidía.
Levando calma a onde a dor vivía,
sementáche la paz polos outeiros,
polas chairas da terra penedía,
na busca de horizontes verdadeiros.
Respirando nos teus beizos a canción,
quedouno-la ledicia de quererte
sabendo da túa obra a devoción.
E tendo nós a sorte de aprenderte,
e na morte levar ti a resurrección,
non ficará nin tempo de esquecerte.
Un xardín no tempo
O máis importante dos poetas é o seu legado literario que ademáis de deleitarnos tamén educa, por iso debe ser máis coñecida a súa obra e divulgada entre a xente moza, para a través dos poemas penetrar no interior da súa alma e pensamentos, aprendendo a interiorizar a mensaxe que de xeito tan fermoso nos trasmite.
Os libros de poesía de José M. López Ardeiro merecen ser reeditados para sacalos dos andeis das librerías, dende o primeiro, Na néboa dunha esperanza, ata o último, Versos de ausencia e desagravio, ou cando menos unha Antoloxía dos seus escollidos poemas, recitalos de novo e lanzalos ao corazón de todas aquelas persoas que aprecian a linguaxe artística. É a mellor homenaxe que se lle pode facer a quen tanto aportou ao mundo da poesía desde a nosa bisbarra. Os alumnos dos nosos centros educativos agradecerán, sen dúbida, ese agasallo e tamén os adultos que aprecian a boa literatura e que, sen dúbida, saberán gozar de novo do legado literario que nos deixou José Manuel López “Ardeiro”, gran persoa, bo amigo e destacado persoeiro das letras galegas.
INVERNO
Estremécense árbores ergueitas
no horror do vento rexo en travesía,
e un frío terribel que arrepía
aperta ó lobo nas covas encolleitas.
Do chan abrollan as augas que mergullan
en manantial que a ruda terra estiña,
e asuláganse a casca e a resina
que dos piñeiros agrestes se debullan.
Escurecidas as casas ou refuxios
escorrentan o medo e a invernía,
e coa calor do fogar e a ardentía
arranxan vida nos fogos de artiluxio.
E ben coutado o lar tras tobre e pedra,
cinguido de íntimos fumos ben ulintes,
evocacións de outrora e outras xentes
configuran a vida, a morte, a terra...
No hay comentarios:
Publicar un comentario