sábado, 28 de agosto de 2010

OS NENOS DE FREIXEIRO



                                                           Para Javier

A  ledicia de conseguir unha escola que pola súa proximidade me permitira seguir vivindo en Negreira derrubouse ao entrar naquel edificio de pedra. En penumbra, non conseguín que as pernas me levaran máis alá da porta, foi como si a alma se me desintegrara coma un vaso de duralex. O estado de deterioro das paredes e de todo o material era tal que ata a maioría das fiestras nen tiñan cristais.
Explicoumo primeiro un veciño que pasaba:” E que os mestres marchan todos as poucas semáns  de estar aquí, e logo o Sr. Alcalde de Santa Comba con moita amabilidade deixoumo claro : …“para iso non hai diñeiro”. Así era o ensino en 1973.
O primeiro día de clase aclaráronse as cousas pois Moncho, un dos maiores,  asegurou: “ nós sabemos pintar e o que faga falla". O luns pola mañá unha procesión de pequenos obreiros dotados de cascos, escadas, “rodillos”  e caldeiros invadiron a estrada. Catro días de traballo, a colaboración de dous pais para arranxar os pupitres  e asunto resolto.

Esa foi a primeira lección: que para traballar precísase dun lugar agradable e digno e que os responsables dos cambios deben ser os propios interesados, porque pasamos daquela penuria a ter, en poucos días, unha fermosa  e acolledora aula de clase.

 Freixeiro é a parroquia máis grande do Concello de Santa Comba. Por iso viñan sempre camiñando en grupos dende as aldeas máis lonxanas:  Os de Vilarnovo; os de Freixeiro sempre con Anxel á cabeza; os do Castro co pequeno Gende atrás; os dos Amenzóns e Portochán, tamen xuntos. Manoliño Toja era sempre o primeiro pois como estaba tan lonxe recollíao  no meu coche na Ponte Faxilde.

O noso equipo de futbol
Alí todas as ocasións  se aproveitaban, ata as viaxes á Delegación Provincial da Coruña servíannos para que viran, de sete en sete, o que era unha cidade. O problema era colocalos dentro do SEAT 850, pero logo xa estaba: os xardíns, porque toda aquela  xente non tiñan leiras nin monte,  o mar e os barcos ...!!! o Estadio de Riazor e os entrenamentos, nos que todos os xogadores eran aqueles dos que falaba a radio tanto deles. Foi nas bancadas baleiras onde  Angel chegou a propoñer que nós tamén podíamos facer un equipo deses e si entrenábamos un pouco ata participar nos Campionatos Escolares, pois a el non se lle daba nada mal. Pero esa foi unha experiencia que merece outro capítulo.

Foron anos de moito traballo, pero fructíferos. Aprendemos todos moito, eu o que era a modestia e a bondade, os nenos Fidel, Pallas, Raul, Toja, Parajó, Xil, Arnejo,...…  que o traballo e o esforzo sempre conleva unha compensación, os primeiros títulos do Graduado Escolar conseguidos foron todo unha motivación para os máis pequenos.  Ata a Sra. Inspectora que a miúdo  nos controlaba entendiu  que ler é entender, e que o método de lectura e escritura en galego, O Picariños, non era unha ocurrencia do mestre, que fora Monchiño quen dixera que “pollito” tiña que decirse pito, que “villancico”  panxoliña e que non se podía aprender a escribir ben si as letras do libro estaban dun xeito e logo había que escribilas doutro distinto.

Anos despois, xa adultos, atopei algúns deles traballando cunha empresa da zona nas estradas do noso concello. Falamos moito tempo e  sorprendeume velos xa tan maiores. Contábanme moitas cousas dos compañeiros.
Ás veces, cando entro  no noso Instituto, acórdome  daqueles nenos que por turnos iban quentándose na estufa de butano para poder seguir traballando nas duras mañáns de inverno.

Os pequenos


No Recreo


Nos Campeonatos Escolares



No hay comentarios:

Publicar un comentario