sábado, 4 de agosto de 2012

DO MINUTO AO SEGUNDO

                                                              (Foto López Tuñas)

Atopeime na Coruña cun retratista como é debido, daqueles de minuto que, coa caixa escura, ían  recollendo polas feiras ou as  prazas das cidades a imaxe das xentes. Estaba entre as casetas da Feira do Libro, que seica é pola súa importancia a quinta de España, e as do Certamen de Casas Regionales, que debe ser o primeiro porque dubido que perdure algún outro.

Chamaba a atención na Feira do Cotón  ollar a Castromil, co seu gardapolvos gris, manipular  ás apalpadas dentro do caixonciño de madeira, ata que sacaba a tira de papel que introducía na lata con auga, colgada no trípode, da que logo xurdían as imaxes dos que iban pasando por diante do obxectivo: a nai co fillo que tiraba o retrato para mandar para as Américas, o soldado de infantería co seu uniforme, o mozo que pedía unha con forma de corazón e coa lenda No me olvides ou os amigos que querían retratarse xuntos. Nun minuto quedaban estampadas no papel tantas historias que logo se gardaban coma tesouros. Non hai máis que ollar aqueles retratos para entender canta cousa se agocha neles .


Pero os máis espectaculares eran os da romaría de San Francisco de Corneira, cos seus cabalos de cartón e os decorados de lona. Sempre se poñían entre o Barriga Verde e as lanchas. Alí podíase escoller entre posar diante da mansión dun Falcon Cres ou montado no cabalo co sombreiro mexicano. Contoume unha vez Mero da Chancela que na romaría de San Eleuterio un rapazolo da parroquia coloulle a ún deles unha rá na lata e cando o home metiu a man todos os cativos empezaron a berrarlle ¡¡croá..croá!! Foi tal a que se armou que ao primeiro que pescou houbo de escacharlle o estribillo fotográfico nas costas.

 Hoxe retratistas somos todos; calquera aparello serve para pixelar a vida, mandala e enlatala. Tan rápido coma nun segundo, que tamén é o tempo que se tarda en esquecela. Consecuencias do overbooking.






domingo, 15 de julio de 2012

O MEU CLIP




Algúen se puxo a pensar canta fermosura se agocha nun pequeño obxecto ou canto afecto nun detalle; canta grandeza pode caber na cousa máis pequena e canto heroismo na xente máis humilde?

Os meus compañeiros e compañeiras téñenme ouvido loubar a importancia do clip, ese pequeno resorte de metal que nos axuda a cotío a ordear, clasificar e estruturar os papeis nos que se van ceibando as ideas e os pensamentos para logo trasmitilos e utilizalos na tarefa cotiá. O camiñar pola vida vaiche ensinando que é nos máis sinxelos obxectos ou nas persoas máis modestas, por todos esquencidas ou iñoradas, onde realmente se atopa a grandeza.

De seguro que ninguén se parou a valorar a importancia do porrón, ese recipiente de barro, agora xa esquecido que, de man en man, nos labores máis duros do verán calmaba a sede e daba folgos no traballo do campo a centos de milleiros de modestos labregos. Ou a simple fregona que liberou os riles e os xionllos das mulleres nas súas tarefas cotiás de sacar brillo aos chans propios e alleos.

Eu vivo rodeado de pequenas cousas que a miudo me recordan o que é a amizade sincera; dende un fermoso libro a un CD; unha colección de afectos, tan sabedores coma un bote de mel, que se foron acumulando ó longo deste meu camiñar vital. Ou tamén dos pequenos agasallos cos que algúns compañeiros quixeron deixar patente o seu agradecemento polo que non foi máis que cumprir cunha obriga.

O mesmo ocorre coas persoas, as máis modestas e importantes quedan ás veces inxustamente cubertas por unha codia de esquecemento, involuntario ou conscente, e que debemos excavar para sacar á luz a súa verdadeira dimensión. Por eso naceu este blog, ÁGORA, para lembrar e loubar á xente que ao longo do tempo e no máis ademirable anonimato, aportou o seu esforzo ou deixou a propia vida ó servicio de todos e que foron un exemplo de traballo e cidadanía. Aqueles aos que lles debemos que todos vivamos agora un pouquiño mellor. Porque, cantas persoas traballan a cotío perto de nós dun xeito desinteresado, en asociacións, comisións ou institucións ao servizo dos demáis? Pois niso, nese modesto traballo e dedicación radica a súa grandeza.







É de xustiza pois, valorar as pequenas cousas que fan agradable a vida dos demais. Tamén os pequenos obxectos que nola facilitan: o porrón e a fregona, o clip e as pinzas, a cremalleira e o velcro, a lata e o tetrabrik, a cinta adhesiva e a goma elástica, o abanico e a bolsa de té, o lapis e o bolígrafo... e aprender a valorar a súa humilde grandeza e utilidade. Tamén a súa fermosura.

E todo isto ven a conto de que no Pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela, réndeselles homenaxe nunha das máis fermosas exposicións que por alí pasaron: INVENTOS XENIAIS, HEROES OCULTOS, OBXECTOS COTIÁNS. A historia da súa invención, o seu desenvolvemento histórico, as condicións técnicas da súa produción a grande escala e que seguen a estimular o traballo dos artistas e creadores. A estética e a utilidade destes obxectos que se fabrican millóns de veces e que son indispensables na vida cotiá. Algo que paga a pena disfrutar ata o 29 de agosto deste ano.


miércoles, 27 de junio de 2012

FIN DE CURSO



1º ESO-A

Esta fotografía é de  unha das clases de primeiro da ESO no noso instituto, na véspera de rematar este curso escolar. Así de relaxados e tranquilos, parece unha pose pero non o é, foi a tónica de todo o ano. Traballan, participan, opinan e sempre nun ambiente sereno.

A inquedanza dos primeiros días xa ficou atrás, non acorda. Foi unha adaptación moi curta. Todos distintos pero aprendendo a respetar as peculiaridades de cada quen.

Este ano conmemoramos o 30 Aniversario da creación do Ensino Secundario en Negreira; dispor deste centro público é un logro importante para a nosa comunidade. A creación do Colexio Municipal Homologado foi o primeiro paso para que nacera o actual Instituto de Ensino Secundario “ Xulián Magariños”; logo seguiron as melloras, e a extensión do ensino obrigatorio ata os 16 anos un progreso que non lle gustou aos partidarios de que a Educación seguira sendo un privilexio de clase.

Hoxe, os nosos alumnos reciben unha educación persoalizada, adaptada ás características de cada un e tendo en conta as súas capacidades. Dispor de profesora de apoio para os que teñen máis dificultade, grupos específicos para os alumnos con retraso nas asignaturas básicas e un extraordinario equipo de Orientación, que apoia de cotío a profesores e alumnado, é unha regalía que non se pode perder.

No noso Centro cúrsanse tamén estudos de Bacharelato, Ciclo Superior de Sistemas Informáticos e un Ciclo de Grao Medio de Comercio. Polas tardes funciona unha sección da Escola de Idiomas de Santiago de Compostela. Tamén acolle ó recentemente creado Centro de Estudos Barcaleses que xa está empezando a recoller todas as publicacións que se foron editando sobre a nosa comarca de Barcala. As actividades ó longo do curso son múltiples e variadas, dende a viaxe anual a Grecia ou Roma do alumnado de Cultura Clásica ata premios de investigación. Celébranse cursos de formación para o profesorado e algún imparte docencia en facultades universitarias e agasállannos con publicacións periodicas e traballos de investigación das súas materias.

Remata este curso con malos augurios, o equipo de demolición instalado nas institucións públicas puxo o punto de mira neste patrimonio de todos que tanto esforzo costou construír. A pasada semana xa publicaban os xornais a volta ás escola unitarias cun mestre/a para atender ó alumnado ata os 12 anos. Eu sigo pensando o que recollía hai tempo neste Blog, no post Mi colega Cayetano: A intransixencia en España trasmítese nos xenes e os principios constitucionais aínda chirrían no cerebro de moitos persoeiros.

Hoxe é día de entrega das calificacións, a inmensa maioría do alumnado saía contento. Xa andan polas rúas coas súas gorras, balóns, bicis e traxes deportivos.

Felices vacacións rapaces, que ben as tendes gañadas!


En Val de Barcala- Revista do IES Xulián Magariños
 

domingo, 27 de mayo de 2012

MINGOS E O PATULAS

Pepito do Pallal



Neste pallal non se garda
nin herba verde nin seca
nin hai quen lle meta o dente
a un “pepito” de ternera.

   Copla de Antroido
      Negreira 1990


A xenreira que nos produce a modernidade mal entendida é porque acaba  co patrimonio arquitectónico e cos lugares máis emblemáticos. Cando se inmolaron os dous últimos edificios da Rúa da Cachurra, esquina Av.de Barcala, acabouse. Dende  entón deixaron de existir  dous edificios tradicionais e  tamén o pallal  de María da Montouta.

Pepito e Delfina ubicaron no pallal a súa taberna, unha  mestura da Galicia máis enxebre e os boliches da Calle Corrientes que pasean polos centos de tangos que Gardel derramaba nos  corazóns. O galego  convivía co lunfardo que Pepito exhibía con nostalxía nos momentos máis trascendentes das tertulias do Pallal. Foron anos de estadía na Arxentina que ningún dos membros da parella  podería esquecer.

O Pallal era o acubillo da bohemia local nas noites de inverno; nas  tertulias xuntábase  os mellores conversadores da veciñanza a degustar  grolos de bo viño e ceibar párrafos alambicados envoltos no máis fino sarcasmo, que facían as delicias da pleiade de curiosos que formaban parte da tertulia. Só interrumpían as risas, os  sons do “¡ Teño un cantar miudiño…!”, e os “ ahí va eso, viejo” de Pepito,  acompañando as bandexiñas que esvaraban  a toda velocidade cos criollos ou cachiños de churrasco que primorosamente asaba Delfina.

A ollada revirada de Mingos paseando polo mostrador  impoñía sempre un aquel de respeto cando ó pasar por diante dos máis asíduos saúdaba co seu ¡Oooola!.... acostumado.

Mingos era o corvo que Pepito tiña adestrado e que case falaba coma un neno dun ano, parella de feito de O Patulas, un can palleiro que, fora a alma, parecía unha persoa. Cando algún novo cliente chegaba a O Pallal e os de confianza pedían unha exhibición, Pepito decíalle : Patulas, Mingos ¡á moto!: o corvo pousábase no lombo do can e logo á orde de ¡acelera!…O Patulas erguía a pata e o Mingos facía  o ¡rrrrrrrrrrrr..!!!. Ninguén podía entender os logros de Pepito na domesticación e socialización detes  persoaxes tan enxebres.

Os dous compañeiros só tiñan vetado ó can do cabo da Garda Civil; nada máis aparecer pola acera de enfrente, arrancaba O Patulas  ladrando, escoltado por Mingos e acribillabando ó pobre animal ata despois da carnicería de Pancho. Por iso ó pasar por diante do establecemento  parábase, ollaba con desconfianza cara a porta, e logo cruzaba correndo.
Cando nunha ocasión levamos alí a Torres, o capitán do Río Jatibonico da Flota Cubana que transportaba dende Vigo a axuda humanitaria, contaba pasmado  que alá na súa cidade de Holguín había nun bar un burro que bebía cervexa, pero que en nada semellaba o “nivel de entendemento“ do Mingos e O Patulas.

Xa hai un tempo que O Pallal desapareciu da habitual ruta dos bohemios e con el un dos lugares máis exóticos e festeiros da Vila. O prisma  dende o que se tralucía  o acontecer diario descomposto en bandas multicores que o viño axudaba a magnificar .

Estes días atópome a miudo con Pepito polas rúas e ó meu interese pola saúde de Delfina, respóstame logo, coa súa bondade de sempre, falándo  con nostalxia de Mingos, do Patulas , dos bos momentos vividos no Pallal. Tamén me pregunta polo Capitán. Pepito é o que se di un home educado, todo un cabaleiro. 


 ALBUM


O pallal de María da Montouta






FOTOGRAFÍAS:

Pepito do Pallal 
Arquivo do Servicio de Extensión Agraria

TESTEMUÑAS:

Pepito do Pallal
Fernando Carballo
Rubén Suárez


viernes, 11 de mayo de 2012

FLORENCIA



Praza da Signoria-Palacio Vecquio (Foto López Tuñas)

Florencia non se pode contar. É coma unha mañá de Reis na que os soños se fan realidade e vas de agasallo en agasallo sen saber con cal quedar, mentres as sensacións te desbordan. É para gozala e entendela, un chute sensorial que te enche.

É a presenza viva da arte e a exaltación do ser humano a través da beleza, exteriorizada no mármore e o bronce, da arquitectura, da escultura e a pintura. O berce do Renacemento. A cidade na que se constata que son as ideas as que moven o Mundo e o lugar no que un grupo de homes excepcionais rachan as tebras medievais e colocan ó ser humano, dotado da capacidade de razoar, no centro da vida.

Aquí agromou unha nova época, un vasto movemento que pouco a pouco se foi estendendo por toda Europa introducindo profundos cambios na vida artística, cultural, política e literaria. Os Humanistas: escritores, pintores, escultores, científicos, abren as portas a unha nova era. A cidade dos Médicis, mecenas dos grandes creadores. O desenvolvemento económico e político da burguesía como nova clase social, motor da cidade.
O David - Miguel Anxo ( Foto López Tuñas)

Nas súas rúas seguen presentes Dante e Petrarca, Miguel Anxo, Donatello e Brunellesqui e ata a bella Simonetta que namorou a Giuliano de Médicis e ó mesmo Botticelli, quen a inmortalizou no seu cadro O nacemento de Venus que se garda na Galería degli Uffizi.

No centro de Florencia hai unha templo que mais parece unha fortaleza, é a igrexa-pazo dos gremios: Orsanmichele, que está exactamente entre o centro de poder relixioso da cidade, onde se ubica a catedral de Santa María dei Fiore, e a sé do poder politico, a Praza da Signoria, como se quixera reivindicar a independencia, a liberdade e a dignidade do mundo do traballo. Nas súas fachadas atópanse as estatuas dos santos protectores das artes.

Paseando por esta cidade, que foi a capital de Italia dende 1865 a 1871 e sede do primeiro Parlamento, intúese o contraste entre unha civilización que pon o seu diñeiro a prol do progreso da cultura, da sociedade e sobre todo das persoas, fronte á caricatura dun capitalismo depredador, representado simbolicamente por un grupo de escolares xaponeses que se retratan cun poster de Miky Mousse diante dunha tenda de Disney, a poucos metros da Praza da Signoria.


ALBUM


 Catedral de Santa María dei Fiore ( Foto López Tuñas)











(Foto López Tuñas)







Porta do Baptisterio. Lorenzo Ghiberti traballou 25 anos nesta xoia de bronce, chamada por Miguel Anxo a Porta do Paraíso


                                                                           (Foto L.T.)




  
                                          
               

Fonte de Neptuno na Praza da Signoria    ( Foto L.T)
As antigas tendas de Ponte Vecquio foron transformadas en xoierías ( Foto L.T.)



                                         ( Foto L.T.)






PERSEO  de Benvenuto Cellini na Praza da Signoria. Este bronce é un dos máis alabados do Renacemento polas súas dimensións.












viernes, 4 de mayo de 2012

PARA MIN A ESCOLA......




   As cores están agochadas na luz pero cando saen expresan emocións e sentimentos, tamén son un xeito de desenvolver a creatividade. Espertan os sentidos e alegran a vida. A profesora do Instituto de Educación Secundaria  Xulián Magariños de Negreira  Dolores Sánchez Leira, que tamén é Xefa do Departamento de Normalización Lingüística, ademáis de ensinar a comunicarse coa linguaxe tamén emprega a técnica das cores e o debuxo para que o alumnado de 1º da ESO manifeste os seus sentimentos.
   Nunha fermosa combinación da escrita e o debuxo reflicten así o que é a Escola para eles. En xeral os que utilizan liñas rectas, barras ou poucas cores son alumnos/as aínda sen evolucionar mentres que os que utilizan todo o espazo, liñas curvas, círculos en policromía son o alumnado máis maduro.
   Sempre hai alumnos que captan o explicado e expresan coas cores o que significa para eles a escola, a opresión que senten ou o pechados que se ven na aula. Outros expresan con liberdade a súa autonomía no proceso de aprendizaxe.


  • PARA MIN O COLEXIO É UN LIBRO ABERTO
    A escola é unha carreira de obstáculos.
  • Na escola acábaseme a batería.
  • Cando estou na clase invádeme a monotonía.
  • A escola encántame porque aprendo moitas cousas.
  • Na escola relaciónome cos demais.
  • É o único sitio onde estou con rapaces da miña idade.
          Hai auténticas xoias!







 






         

          SE A VIDA FOSE UNHA CARREIRA NON HABERÍA CORREDOR QUE CHEGASE Á META








PARA MIN A ESCOLA É UNHA OPORTUNIDADE AO TRABALLO




















PARA MIN A ESCOLA É UN ESGOTAMENTO.




















PARA MIN O RECREO É UNHA BENDICIÓN






















PARA MIN A ESCOLA É COMA UN LIBRO ABERTO.



















A ESCOLA É UN LABERINTO SEN SAÍDA






















          A ESCOLA É UNHA PEZA.......




















PARA MIN A ESCOLA É UNHA LIBERACIÓN















lunes, 2 de abril de 2012

O FLORIDO PENSIL




Hai uns anos  que se presentou no Teatro Principal  de Santiago de Compostela a obra  El Florido Pensil, adaptación ó galego do libro  do mesmo título de Andrés Sopeña Monsalve que foi un gran éxito de ventas .

Tanto no libro como na representación teatral reflíctese o que foi a educación de varias xeracións durante o réxime  franquista en clave nacional católica, tanto a través da Escola, base de operacións fundamental para a transmisión do ideario fascista, como  do cine, a radio e os tebeos.

O termo pensil fai referencia a un xardin delicioso, que era o xeito co que se intentaba facer concebir a vida, o mundo e a sociedade a través de todos os medios: Fuiste de glorias  florido pensil  decía a letra do Himno Nacional na Enciclopedia Álvarez. Coa  ironía, o humor e a análise cómica dos libros de texto, o cine dos domingos, os tebeos de Roberto Alcázar e Pedrín e o Yon Güén matando indios  arreo, Sopeña ridiculiza  aquela deseducación que deu lugar a posteriori a toda esta reserva espiritual das tramas, recortes e sentencias xudiciais.

A miudo, cando nos xuntamos un grupo de compañeiros da Escola, as gargalladas escoitanse na redonda pois a memoria é selectiva e sempre procuramos lembrar as anécdotas e o esperpento vivido. Porque un pensil é un xardín delicioso, pero aquelo era como  Intereconomía pero con obleas.

Falar galego era cousa de brutos  e o ser zurdo un perigo, porque a teima de escribir coa man esquerda considerábase todo unha provocación de consecuencias estridentes.

As verdades eran como eran e non tiñan volta. Se o Catecismo respondía á pregunta ¿Eres cristiano? con Soy cristiano por la gracias de Dios, se decías simplemente  SI señor, como lle aconteceu a Victoriano da Carreca,  caíache unha trompada pola dereita e se para salvar o físico rectificabas cun  No señor, alá che caía outra pola esquerda. Todo diante do tremor dos presentes e baixo a mirada grave, dende os seus  retratos, de D. José Antonio Primo de Rivera e D. Francisco Franco Bahamonde que Deus os teña alá moitos anos.

E todo esto sen entrar xa na táboa de multiplicar ou na lectura do Quixote. Eu tiven a sorte de ir dende ben pequeno á Escola da Señora Francisca,“A Revisora”, a quen  chamaban así porque o seu home era o revisor dos autobuses da Empresa Celta. A súa filla Sofía foi a que me ensinou a ler e a escribir; logo á  de Marita, o que me deu certa ventaxa cando desembarquei na Escola Nacional.

 Os escolantes  de D. Marcelino López éramos envexados por algúns outros, que cando na súa escola lles tocaba a lectura do Quixote, en ringleira diante da mesa do Mestre, soaban as labazadas coma un concerto de xilófono. A aula estaba nos baixos da Casa Consistorial, o edificio que hoxe acolle a Casa da Cultura. Era un bo mestre, amable, correcto e bo ensinante;  moitos dos seus alumnos pasaban directamente a traballar en diversos despachos e oficinas de Negreira.

No libros de lectura España es Así, de Agustín Serrano,  ensinábase que España era unha bendición de Deus que conseguira humanizar aos romanos, pero como se portaron mal, o Señor castigounos e mandoulles aos bárbaros, que de contado tamén civilizamos. Xa no século VII España era a nación máis católica, máis culta e civilizada de Europa, pero chegaron os mouros, que ademáis eran amigos dos xudeos, e non querían converterse. Afortunadamente O Cid Campeador puxo orde  ata que os Reis Católicos amañaron por fin o desaguisado e montaron o Imperio.

Alí todo estaba relacionado: Numancia co  Alcázar de Toledo, os mouros cos roxos, O Cid con  Francisco Franco, Carlos V co Xeneral Moscardó e os Comuneros de Castela cos comunistas.

A formación do noso espìritu completábase ás veces coa asistencia obrigada a algúns actos patrióticos, como La Misa por los Caídos. Eu non lograba entender  quenes foran os que caeran ou como serían as  feridas  para adicarlles unha misa, o que se complicou bastante cando á saída da igrexa toda a xente, as autoridades  coas camisas e garabatas iguais, se puxeron a cantar cara unha lápida  na parede da igrexa  e co brazo estirado. Logo explicoumo meu pai na casa. Tamén me dixo que non todos os que cantaban co brazo ergueito eran falanxistas, que algún era simplemente parvo.

Di no libro de Andrés Sopeña que para liberarnos desta herdanza o mellor é asumila sen complexos  e aprender a rirnos dela, para poder aspirar a ser persoas casi normais, polo que nada mellor que botar man do seu divertido libro que foi popularizado polo  espectáculo  teatral que a compañía Eme 2  representou con gran éxito nas principais cidades galegas.

O humor e as gargalladas están garantidas.







martes, 13 de marzo de 2012

ISAAC, O EDITOR DA MEMORIA


 Isaac Díaz Pardo : " Home de cultura, de proxectos,  ilustrador, pintor, ceramista e tamén editor da nosa memoria, da nosa Historia".

Por Illa Bufarda


.
Isaac, o editor da memoria. from Illa Bufarda on Vimeo.



jueves, 23 de febrero de 2012

ROSALÍA DE CASTRO



                                          24 de FEBREIRO
 
              DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO






   




Embarque en A Coruña



                                                               PRA HABANA


                                                               Vendéronlle os bois,
                                                               vendéronlle as vacas,
                                                               o pote do caldo
                                                               e a manta da cama.

                                                               Vendéronlle o carro
                                                               e as leiras que tiña,
                                                               deixárono soio
                                                               coa roupa vestida.

                                                               "María, eu son mozo,
                                                               pedir non me é dado,
                                                               eu vou polo mundo
                                                               pra ver de ganalo.

                                                               Galicia está pobre,
                                                               e á Habana me vou...
                                                               ¡Adeus, adeus, prendas
                                                               do meu corazón!"




sábado, 21 de enero de 2012

GLOBOS


Fotograma de Le ballon rouge


          Decir que dende neno sentín fascinación polos globos non resulta nada excepcional, porque a todos os nenos lles gustan os globos de cores. Azuis, vermellos, amarelos, brancos que máis da,  porque son lixeiriños, suaves, grandes e para os picariños cheos de nada. Recordo que mos tiñan que inflar  porque era moi difícil  para un rapaz  tan pequecho.

          Os globos acompañáronme sempre, toda a miña vida  foi un encher globos de cores, coa imaxinación, coa espranza, cos afectos e coas tristuras. O futuro sempre se converteu nunha colección de globos  que ían a máis según camiñaba, inflaban, subían e,  ás veces, estalaban na faciana quedándose nun bluf. De cando en vez  non faltaron tampouco  os estoupadores que se adican a meterlle o alfinete.
        
       Algúns  foron unha auténtica ledicia, porque aparecían nos momentos mais vitais; aínda me lembro cando en Negreira pasamos a ter unha segunda fábrica de soños: o Cine Gran Vía. O primeiro que se proxectou naquela inmensa pantalla de Cinemascope foi o marabilloso documental O Globo Vermello, de Albert Lamorisse.

       Pero  tamén foi pasmo: ¿Alguén de vós presenciou algunha vez o despegue do Globo de Betanzos, esa mole de 25 m de alto que nun mar de  milleiros de persoas, erguéndose na noite do 16 de agosto, dende o ano 1875,  levando consigo todo un ano de traballo e de vida desa fermosa cidade galega?. Se nunca fóchedes, facédeo  este ano, paga a  pena.

      O meu destino foi pasar a vida ao redor dun globo terráqueo con rapaces e rapazas, estudando a súa pel, as súas engurras, as súas xentes e historias, e disfrutar cando comprobas que lles gusta.

Pero sen dúbida,os máis fermosos de todos son os numerosos  globos cheos de Luz que sempre levo comigo,  dende aquel primeiro día en que chegaches e comezamos a camiñata xuntos, coa compaña dos nosos fillos.


         ¡De seguro!