Entrando
en Andalucía pola Vía de la Plata sorprende atoparse cun típico
pobo de casas brancas estendido pola ladeira dun cerro buscando
protección na espectacular fortaleza medieval franqueada por dez torres que dende o alto
domina toda a contorna. Faise inevitable deixar a autoestrada,
achegarse a este conxunto histórico e adentrase nalgunhas rúas de
casas brasonadas que fan referencia ao seu pasado señorial.
O
topónimo galego de Santa Olalla chama a nosa atención eiquí
en pleno Parque Natural da Serra de Aracena e Picos de Aroche. Na
época romana este núcleo chamábase Ponciana e a tradición
considéraa o berce da súa patrona, Santa Eulalia de Mérida, a moza
que no século III partiu cara a capital da Lusitania onde sufriu
martirio. Hoxe os olallense réndenlle culto nunha pequena capela que
está situada nas aforas da localidade.
A
BANDA GALEGA
O
rei de Castela Fernando III O Santo ocupou estes territorios que
pertencían ao antiguo reino de Sevilla no ano 1248 pero atopouse cos
desexos espansionistas do reino de Portugal colisionando os dous
exércitos en distintos enfrontamentos, ata que no Tratado de Badaxoz
(1267) e o de Alcañices(1297) pasaron a depender de Sevilla.
Os enfrontamentos continuaron e para frealos Sancho IV el Bravo concedeu o
privilexio, a varios pobos da Serra, para a construcción de
fortalezas que frearan os ataques dos portugueses: Santa Olalla,
Fregenal de la Sierra e a reconstrucción da de Aroche, comunicadas
visualmente mediante antorchas e creouse unha zona
chamada La Banda Gallega defendida por soldados procedentes do Norte
na súa maioría de Galicia.
Cruceiro de Santa Olalla |
Os
galegos e os seus descendentes deixaron diversas pegadas nesa bisbarra.
Á beira da igrexa da Asunción un cruceiro
gótico recorda, segundo a placa alí colocada, aos numerosos
peregrinos que de camiño a Santiago de Compostela pasaban por esta
localidade.
O Entroido tamén é unha das festas populares de Santa Olalla del
Cala, o nome da localidade na actualidade, en clara referencia ó río, afluente do
Huelva, que percorre estas terras. O sábado de Carnaval numerosas
carrozas e comparsas percorren as suas rúas nesta tradicional
celebración que remata co “Entierro del hueso del jamón”
similar ao noso Enterro da Sardiña. O xamón é un dos produtos
tipicos de Santa Olalla, como son tamén os bolos de rinchóns.
O
mesmo que noutras localidades de Andalucía destaca o mimo con que
coidan e tratan os núcleos urbanos tradicionais e a importancia que lle
conceden ao pasado que lles da sentido. Santa Olalla conta con
outros monumentos relacionados coa súa historia, sobremaneira da
Guerra da Independencia na que desempeñou un papel importante na
defensa contra as tropas francesas.
Aínda
quedan moitos quilómetros por percorrer e hai que retomar a viaxe,
pero queda a satisfacción de ter gozado desta fermosa localidade
andaluza que, cando un a deixa, non pode evitar mirar atrás con admiración e a
esperanza de ter outra ocasión para voltar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario