Escola de Cobas |
O sábado á unha da
tarde máis de cen alumnos e alumnas de Dona Carmen, a mestra de
Cobas (Negreira), ofrécenlle unha homenaxe en recordo dos 30 anos
que dedicou á educación de varias xeracións que pasaron pola súa
aula. Dona Carmen Sanmartín Currais chegou un día á escola,
erixida pola Unión Barcalesa da Habana e inaugurada no ano 1922,
despois de comenzar a súa función docente en Brens (Cee) e
Brandomil (Zas). Cúmprense agora 20 anos dende o día que finou, pero a
Mestra nunca deixou de estar presente na vida e nas conversas do seu
alumnado que agora de maiores queren amosarlle, de novo, o seu cariño
e agradecemento.
A mestra de Cobas
traballou, como daquela os seus compañeiros e compañeiras, con
moitas carencias de medios profesionais mais desempeñaba o seu labor
coa bagaxe adquirida na Escola Normal fomentando a aprendizaxe e a
formación dos alumnos para convertilos en homes e mulleres de ben,
persoas con valores éticos e morais. Impartía clase fora do
horario, tamén aos rapaces máis espelidos, axudándolles a
conseguir becas para, en moitos casos, seguir estudios superiores. Só
algunhas tardes, cóntame Luis Mesías un dos organizadores da
homenaxe, os algo máis de medio cento de nenos e nenas ían ó local
fronte á aula a ver o programa Televisión Escolar que emitía a
recentemente inaugurada segunda cadea da TVE, unha novidade para eles
pois nesa altura non era aínda un medio popular, non estaba presente
na maioría dos fogares. Ese foi o único complemento didáctico do
traballo persoal da mestra.
Dona Carmen co seu alumnado |
Unha placa na fachada do
fermoso edificio da Escola de Cobas que perpetuará o recordo de Dona Carmen e unha exposición de fotografías aportadas polos veciños
serán algunhas das actividades que programaron. Os asistentes
xuntaranse logo nun xantar no espazo que rodea o fermoso edificio
barcalés para lembrar xuntos as anécdotas escolares da súa
infancia. Tamén estarán presentes os fillos e familiares da
homenaxeada, os alcaldes de Negreira e A Baña e algún alumno da
escola de Brandomil, como Jesús Grille que cos seus 80 anos non
quere faltar ao acontecemento.
Moito traballaron estes
días os veciños e veciñas de todas as idades para preparar as
actividades, financiadas tamén coa venda dunhas rifas que no sorteo
celebrado en Radio Negreira contou coa presenza da veciña de máis
idade da parroquia, Teresa Novo de 96 anos, como fedataria.
Que pouco se ten escrito
sobre a importancia das mestras que traballaron nas escolas rurais de Galicia, especialmente as que estiveron nas aldeas máis alonxadas
nas chamadas “ Escuela Mixta Rural y de difícil desempeño”
lonxe das estradas, onde eran recollidas por algún veciño que tuvera cabaleiría. Tampouco contaban con vivenda escolar nin
taberna na que aloxarse e tiñan que vivir nun cuarto cedido por
algún veciño na súa modesta casa. Unha compañeira tenme
relatado a súa experiencia vivida nunha destas escoliñas en
condicións miserentas.
A biblioteca particular de Dona Carmen
serviu para fomentar en moitos alumnos e alumnas a afección pola
lectura, pois ademáis de trasmitir coñecementos espertaba neles o
interese pola cultura. O labor de Dona Carmen explicouma un exalumno con cinco
palabras: Eu débolle o que son!
ALBUM
Non debemos esquecer a nosa historia... Grazas Manolo!!
ResponderEliminar