![]() |
Charanga Mekánica |
Andaba medio perdida
cando o amor me atopou,
vendo a Charanga pasar
tocando alegres cancións.
…...................
Canción
O día 26 de
xaneiro deste 2013, cumpriranse 10 anos da creación da Charanga Mekánica por un
grupo de rapaces expertos en transformar o aire en melodía. Tan bos
músicos como persoas, e dígoo porque os coñezo dende hai tempo,
son a alegría da música e tamén bos profesionais que participan
noutro tipo de formacións musicais.
Temos que agradecerlles o
evento que organizan porque concentrarán ese día outras charangas
amigas e está garantida a troula musical. As charangas son a
ledicia elevada á enésima potencia.
A música sempre gozou
dunha gran tradición na comarca barcalesa: labregos, carpinteiros,
canteiros e outros artesáns ocupaban as súas horas libres
aprendendo a tocar un instrumento para logo integrarse nalgunga das
distintas agrupacións. Os coñecementos musicais pasábanse duns a
outros coma se de unha ferramenta se tratara. Dende o grupo de
Agapito que coa súa gaita enchía de troula as foliadas e
celebracións, pasando polos quintetos, bandas de música, coros e
orquestras ou importantes persoeiros como Xoan Trillo, a representación musical foi variada ó longo do tempo
abarcando tódos os xéneros.
De rapaz acudía sempre á
festa de Santa Mariña en San Martiño de Broño, a aldea dos meus
avós paternos. Alí na casa de Urbano, curmán de meu pai, tiven por
primeira vez un clarinete nas mans, aínda que por moito empeño que
poñía non era quen de sacar algún son para fóra do
instrumento. Carpinteiro de profesión, era un namorado da musica e
a unha das súas fillas púxolle de nome Cecilia, a patrona dos
músicos.
Urbano López Trillo botou
moitos anos no Brasil e cando voltou, xa de maior, nunha entrevista
de M. Fernández (Luz Picos) publicada en La Voz de Galicia en
agosto de 1983 relata como, xunto con Pedro de Barbazán (batería)
e Victor de Gándara (trombón), crearon a Orquesta Ecos de Barcala
no ano 1945 ao estilo das americanas da época. Coa Orquesta Andújar
fundada por Emilio Andújar, outro músico de sona que adicou toda a súa vida a esta actividade, amenizaron as romarías e as
festas da comarca durante décadas.
A persoa que eu máis
admiraba de neno era Daniel Magariños, pequeno e regordete, dentro
do seu impecable traxe azul con garabata negra, desfilaba ao frente
da banda A Lira de Barcala espallando melodías por todas as rúas do pobo.
Sempre serio e cun aquel de autoridade como se fora consciente da
importancia do seu labor. Os máis pequenos marchábamos detrás,
acompañando A Parrula como tamén era coñecida polo alcume da
propietaria da casa na que ensaiaban. Dende aquela ando sempre con
algunha melodía no maxín que as veces sae en forma de asubío.
Os Magariños eran unha
familia de músicos, Panchito empezou por un defecto físico, nacera
con unha man máis pequena e recomendáronlle aprender a tocar o
piano para rehabilitala, chegou a ser director da Escola de Órgano
de Xenebra e un importante concertista e Marita, que foi profesora
de moitos de nós, ensinoume a solfear coa compaña do piano; grazas
a ela saquei moi boas notas nesa asignatura.
No veciño concello de A
Baña creouse en 1980 unha banda xuvenil dirixida por Emilio
Andújar coa colaboración do Concello presidido por Francisco
Villaverde e no ano 1984 creamos no de Negreira a Escola
Municipal de Música e logo a Banda Infantil e Xuvenil que foi un viveiro de novos valores e de futuros profesionais que
hoxe exercen a docencia, tocan en diversas formacións orquestais ou
ben practican na intimidade. A afección foi a máis
e dende hai tempo a plataforma Máis Música está facendo unha
campaña para que a nosa Escola Municipal se transforme en
Conservatorio.
O sábado 26 a festa será
completa e de seguro que Euterpe acudirá a Negreira para encabezar a
movida.
Noraboa á Charanga Mekánica e que
siga triunfando!
ALBUM
![]() |
Quinteto de Portor |
![]() | ||||
Banda de Negreira-1920 |
![]() |
Tamén na Habana |
![]() |
Orquestra Rey |
![]() | |||||
Banda Xuvenil de Negreira |
![]() |
Grupo de Gaitas de Negreira |