O can de Luis ándache medio enrrabechado, quere que o leve á perruquería. Di estar farto de tanto trasquilado e baños de zotal que lle deixan, ademáis do arrecendo, o pelexo coma unha tona de laranxa. Así non hai quen compita con tanto can señorito como está a pasear polas rúas e xa se ve solteiro ata caer de vello.
En Negreira son cada día máis variados os servizos que se están a ofrecer aos veciños. Hai pouco acaba de inaugurarse un centro de estética canina que presta tratamentos e produtos específicos para o mellor amigo do home, dende perruquería ata as demáis bonituras que se lle poden aplicar a tan noble animal.
O can é todo un exemplo de socialización. Domesticado nas primeiras comunidades neolíticas no 8.400 a .C, pasou de ser un fiel servidor ata acadar un estatus semellante ó das persoas e, nalgúns casos, aínda superior. Coa excepción do can de palleiro, último eslabón do estamento canino que segue a estar marxinado dos avances e modernidades que a sociedade capitalista, e por ende consumista, nos vai introducindo.
Caso aparte merece o can vagamundo, aquel que é abandoado polos seus donos e deambula entre o desprezo e a marxinación dos humanos e os demáis da súa especie; acaba ás veces nas cárceres de cans que hai en moitas cidades. Se ninguén lles amosa o seu afecto e os acolle acaban nos fornos crematorios ou nunha fosa común.
Na memoria quedan aquelas redadas que facía en Negreira o laceiro municipal de Santiago, cando os cans abandoados nas rúas incomodaban ós veciños que non paraban de protestar. Era un espectáculo velo cazar ós pobres animais e introducilos na furgoneta de Moncho do Francés. Claro que, formados na universidade da vida, ó día seguinte aparecían de novo tan campantes ante a sorpresa de todos e o enfado dos operarios municipais ao ver os buracos que fixeran debaixo das alambradas que tan primorosamente ergueran en Pedra Mámoa.
Agora, nas cidades, o lugar dos cans vagamundos está sendo ocupado por persoas; esperemos, dado os tempos que corren, que calquera día non empecen a mandarlles os laceiros.
Quen sabe. En Francía xa están a facer algo que se lle asemella.
ResponderEliminar