Foto: López Tuñas |
Nas
tardes de primavera cando o sol vai caendo reflíctense no río
Barcala unha mestura de sombras e reflexos que coa turbulencia das
augas dan lugar a estas imaxes que, con apariencia de realidade,
fanos lembrar aos seres mitolóxicos que os nosos devanceiros crían
que habitaban nas fontes e nos ríos. Plinio O Vello escribía a comezos do século I: “A contemplación da Natureza convenceume de que nada do
que podemos imaxinar é increible”.
A
auga como fonte de vida e os ríos foron obxecto de veneración
dende a aparición das primeiras civilizacións. Na Mitoloxía
grecolatina as Ninfas eran seres acompañantes dos deuses, vivían nos espazos naturais, especialmente nas fontes e nos ríos. A elas atribuíanse
propiedades miragreiras herdando logo as augas esas atribucións como
elementos sanadores das persoas enfermas. Facíanselle variadas
ofrendas engalanando as fontes con guirnaldas, botando comida, pan e
incluso moedas. Malia a perda xeralizada dese culto ás fontes e ás
augas, a tradición mantén vivas algunhas conmemoracións
directamente relacionadas. Moitos santuarios de Galicia, como S. Andrés de Teixido ou a Virxe da
Barca foron lugares de peregrinación precristiáns. O culto ás
fontes moi abondoso na nosa terra, procede dese rito romano
relacionado coas deidades protectoras desas augas ou incluso doutros anteriores.
S. Xoan do Carballoso ( Foto López Tuñas) |
Na
beira do Val de Barcala, nun lugar apartado da parroquia de Xallas (
Negreira) en San Xoan do Carballoso, por onde transcurría a Via XX (Per loca Marítima), unha das calzadas romanas máis importantes da
Gallaecia, o 24 de xuño de cada ano, algúns
romeiros lavan as súas mans na fonte para curar as berrugas e logo
deixan os panos cos que se secan colgados nos ramallos, como unha
ofrenda ás Creanas, que eran as ninfas das fontes.
Coa
chegada do Cristianismo este lugar foi consagrado ao S. Xoan cunha
pequena capela perto da fonte, aínda que algúns romeiros seguen con esta costume milenaria despois do culto ao santo.
Na
mañá dese día, segundo a tradición, as Creanas amosàbanse
pola alba manifestándose en toda a súa fermosura.
No hay comentarios:
Publicar un comentario