martes, 27 de diciembre de 2016

EN EL PIER DE BANGOR






A pesar dos anos e da distancia non pasa un Nadal que non recibamos a felicitación, un pequeno libriño de relatos que contén algunha das súas experiencias das viaxes nos que a súa profesión de xornalista o levou polo mundo e que, pouco máis tarde, transforma nun agasallo tenro dos que emocionan e se fan inesquecibles.

Os anos foron pasando para todos e a vida fixo que cada un acabara seguindo camiños diferentes pero él, Cristóbal Ramírez, espíritu inquedo, segue sendo o de sempre, un tornado de creatividade e bo facer que nos agasalla coas súas crónicas xornalísticas ademáis de amosarnos os distintos camiños da Terra. Aínda onte falabamos do paso do tempo  e eu insistía na miña teoría de que a vellez é un estado de ánimo porque vellos de trinta e corenta coñezo mogollón e os regos na pel ou alopecia non son máis que raspaduras das areas que trae o vento. Ti eres novo porque así o comprobo cando che leo.

Por que será que sempre que un se atopa cun vello amigo a memoria revólcase e desfilan centos de imaxes que como fotografías van amosándose, traéndonos de novo vivencias que xa pasaron e por qué esas e non outras...? Sempre que falamos véxoo diante da máquina de escribir na mesa de madeira, redactando algún boletín informativo, practicando xa no que logo sería a súa segunda carreira e que posibilita que de cando en vez goce das súas ben artelladas crónicas, sempre comprometidas, coa defensa do medio ambiente, do urbanismo racional ou das causas xustas.

Hoxe lendo o agasallo deste ano fíxome viaxar a un lugar para min descoñecido e rematou cun tremor que tamén  fai somerxirnos no infinito, no baleiro do que viñemos e ao que algún día retornaremos. Lendo En El Pier de Bangor admiro o bo facer dun mestre do relato e do xornalismo. Tamén o agasallo de amizade de quen comparte o mellor de un, as súas vivencias, a súa familia e os bos desexos.

Grazas Cristóbal!







No hay comentarios:

Publicar un comentario