viernes, 23 de enero de 2015

XOSÉ COBAS OU A RAZÓN DE SER



Xosé Cobas-Casa da Cultura

Se ollamos con atención o mural de Xosé Cobas  na Casa da Cultura de Negreira, descubriremos un mundo de vida e persoaxes que formaron parte da súa infancia. Arriba, á dereita, os arcos do Pazo do Cotón, unha alegoría desa porta aberta ás vivencias infantiles que, co tempo, van configurando a persoalidade e o sentido do mundo que xa nos acompañarán para sempre. Os animais domésticos, a casa e as pombas, os xoguetes: o trompo, o patinete de madeira, a bicicleta e as primeiras lecturas infantiles. Tamén as persoas que conformaron ese mundo que se foi: O Maroñas de Duomes ou Dolores da Fonda , e outras representadas polas follas que cada outono caen das árbores, na parte superior. E ao fondo, o río Tambre sempre presente, e enmarcado na pintura conformando un todo, que é a súa vida.

Na parte inferior, ollándonos dende o pupitre, Xosé Cobas de neno, que quixo representarse así porque ese edificio, que era Casa do Concello, acolleu nos seus baixos a escola de D. Marcelino López, tamén retratado, pola que pasamos centos de alumnos e onde, entre outras cousas, os máis avantaxados aprendían a pintar con acuarela, tinta china e óleo. Por iso non  sorprende que daquela aula saíran persoas con tanta sensibilidade como Pepe Ardeiro, o poeta, ou o propio Xosé, entre outros. Os bos mestres deixan sempre unha pegada fonda na alma dos seus alumnos.




Xosé Cobas Gómez

XoséCobas Gómez (Logrosa-Negreira, 1953) ademais de pintor e escultor é un gran ilustrador de libros de literatura infantil e xuvenil, un dos mellores. Xunto a Xabier P. Docampo, o recoñecido escritor galego, fixo un tandem que deu lugar a fermosas historias literarias que xa forman parte das letras deste país. Foi recoñecido polos premios WHITE RAVENS, creados pola Biblioteca Internacional de Munich, nos anos 2003 e 2005. WORDL COOK AWARDS ao mellor libro de literatura gastronómica en língua española. Oslo 2004. Representou a España en distintas bienais, en Italia, Colombia ou Bratislava. Foi distinguido co Premio Isaac Díaz Pardo no 2013 e co Neira Vilas 2014.

Na Casa do Concello de Negreira tamén se garda un dos seus máis fermosos cadros.



No hay comentarios:

Publicar un comentario