lunes, 2 de mayo de 2011

PROTAGONISTAS





        Desta vez non se trata de Luis Tosar ou Javier Bardem, é  nada menos que Anxo Lesta compartindo cartel con Marcos Quintáns .
        Descoñecía esta nova faceta  de Angelito,  así lle chamamos  os que o coñecemos dende hai tempo. A comezos da década dos 90 rematábamos  as xuntanzas que mantíñamos no soto da súa vivenda cunhas deliciosas melodías que interpretaba para nós co seu acordeón vermello. Agora  é alumno da Escola Municipal de Teatro de Negreira e debutou nun papel estelar  con Marcos  e tamén como guionista, cunha obra da súa autoría. Onte, na segunda xornada de estrea  o Auditorio estaba cheo e os aplausos repetíronse insistentemente ó longo de toda a representación. É decir, todo un éxito como o podemos corroborar os máis de catrocentos espectadores que  nos dous días asistimos ó evento .

       Baixo a dirección de Sandra Lesta trinta e oito persoas levan un ano a traballar  nesta escola de teatro que voltou  de novo ó escenario do Auditorio do Centro Sociocultural. O  número de alumnos increméntase  cada ano e  tamén as  dotes interpretativas deste elenco de actores aficionados de todas as idades que ademáis de cultivar a súa afición están a proporcionarnos a posibilidade de disfrutar en Negreira desta noble arte.

        A obra encádrase dentro do programa do II Ciclo de Teatro que o Concello está a levar a cabo ata o 14 deste mes de maio cun total de sete representacións. Noraboa ó Concello por esta iniciativa e por fomentar actividades culturais estables; á directora Sandra Lesta  e sobre todo aos actores e actrices, polo seu bo facer e porque nos fan pasar   momentos tan agradables.

        Ó remate da obra de onte  Tono Pensado, que interpretou de xeito maxistral o papel de crego, manifestaba “ estar baldado”. E non era para menos: os nervos, a concentración que a obra esixía e a responsabilidade de comparecer  de novo ante o seu público ó final pasou factura, pero a satisfacción e o recoñecemento recibido compensouno todo.

        Ánimo e noraboa .